Besteiro confirma que non será candidato á Xunta pero seguirá como líder do PSdeG

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-SA Praza Pública

Besteiro confirmou este sábado que renuncia a ser candidato do PSdeG á Xunta de Galicia e non se presentará ao proceso de primarias que os socialistas galegos abrirán nos vindeiros meses, tal e como adiantou este diario. Logo de que fose imputado por seis presuntos delitos na operación Pulpo, o líder do PSdeG deixa a carreira electoral pero non a secretaría xeral da formación. 

"Non son cargo público nin o vou ser nesta situación; non me presentarei ás primarias", asegurou nunha esperada rolda de prensa, tras asegurar que "18 anos despois de entrar en política", vai "entendendo de que vai isto", en referencia ás que considera curiosas coincidencias de determinados momentos políticos e as súas últimas imputacións ou revelacións sumariais. Así, insinuou que detrás hai unha estratexia política e criticou que, ao haber segredo do sumario, non ten "posibilidade de defenderse". "Primeiro impútaseme e logo búscanse probas", chegou a dicir. 

Besteiro di renunciar a ser candidato á Xunta "por responsabilidade e por coherencia" 

"Nunca escapo da miña responsabilidade. Fíxeno en xullo [cando o imputaron no caso Garañón]. Non vou presentar a miña candidatura polo meu partido á Xunta por responsabilidade e por unha cuestión que debe ser imprescindible para calquera político: a coherencia", dixo ante a prensa tras reunirse coa executiva do PSdeG. Con todo, advertiu que "se frea" a súa candidatura "pero non o cambio en Galicia, que é imparable". 

Besteiro  terá que declarar ante a xuíza Pilar de Lara o próximo 11 de maio para responder pola presunta comisión dos delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos. Ademais, estaba a ser investigado por outros catro presuntos delitos no marco do caso Garañón.

Na súa comparecencia, amosouse "moi orgulloso" dos seus oito anos á fronte da Deputación e asegurou que algunhas cuestións que en teoría saen no auto, como vaixes a Eurodisney ou á India a cargo de fondos públicos, non se produciron baixo o seu mandato. 

Besteiro asegura que as viaxes a cargo de fondos públicos que sairían no auto non se produciron baixo o seu mandato

Con todo, non tiña moita opción máis alá de marchar, xa que o código ético do PSOE impide a inclusión de imputados nas listas e o acordo asinado por Pedro Sánchez e Albert Rivera tamén fai mención expresa a este punto. Ademais, Ciudadanos xa advertiu que non permitiría a súa inclusión na candidatura. 

O último movemento xudicial contra Gómez Besteiro e a súa renuncia a optar á candidatura á Xunta prodúcese só unhas horas despois de recibir a visita e o apoio de Pedro Sánchez co que se fotografou visitando o mercado da praza de Lugo da Coruña este mesmo xoves. Preguntado daquela por se a actual dirección socialista en Galicia era a axeitada para afrontar os comicios autonómicos, a resposta do líder do PSOE foi lacónica: "Si". 

O gran problema do PSdeG é que a ninguén se lle ocorre un nome que levar aos carteis electorais das próximas autonómicas. O popular Núñez Feijóo, cuxa candidatura tampouco está clara, ten na súa man xogar a baza dun adianto electoral que collería os socialistas co pé cambiado e sen marxe para buscar candidato. Pero Ferraz considera que o paso atrás de Besteiro é a única opción posible. A contorna de Pedro Sánchez non quere que o problema galego se eternice e acabe por enturbar as negociacións para buscar un pacto de Goberno en Madrid.

 

Feijóo: "Hai políticos aos que lles costa moito marchar"

Besteiro acabou por abandonar a carreira electoral de cara ás autonómicas despois de que na propia dirección estatal se deixara intuir esa posibilidade. Ademais, o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que "hai políticos aos que lles costa moito marchar",  nunha clara referencia ao líder do PSdeG. Durante o congreso provincial dos populares coruñeses, o xefe do Executivo galego contrapuxo a situación do socialista á do ex secretario provincial do PP na Coruña, Carlos Negreira. "En cambio outros marchan contra a opinión da  inmensa maioría dos seus compañeiros", rematou. 

Feijóo contrapón a situación de Besteiro coa de Carlos Negreira: "Outros marchan contra a opinión dos seus compañeiros"

Desde En Marea, a deputada Yolanda Díaz aseguraba xa pola mañá que "o máis acaído sería dar un paso atrás" e Ana Pontón, voceira nacional do BNG, foi tamén clara: "Se estivese na situación del, eu xa tería dimitido". 

Ademais, desde Compromiso por Galicia, o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, recalcara que “a posición" da súa formación "é moi nidia: unha persoa que está sendo investigada xudicialmente non pode ser candidato á presidencia da Xunta de Galicia”. No PP, o vicesecretario nacional de Organización, Fernando Martínez-Maíllo destacou as "dez acusacións" sobre Besteiro e criticou aos que "se lles enche a boca" de acusar os populares. 

Ao tempo, as voces críticas á actual dirección dentro do PSdeG xa advertiron da necesidade de dar un paso atrás por parte de Besteiro e de activar canto antes as primarias para escoller un candidato á presidencia da Xunta de Galicia. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.