Mareas en Común lanza un proceso de "adscrición individual" que aglutine "as forzas do cambio"

Un intre da xuntanza das mareas en Marín CC-BY-SA Marea Marín

"Xa temos organización interna, principios básicos e o que imos facer de aquí ás eleccións. Demos un paso de xigante". Así resume un participante no encontro celebrado polas Mareas en Común este sábado en Marín os acordos acadados polo centenar de persoas que, en representación dunha corentena de 'mareas' municipais, acudiron ao quinto encontro da que pretende ser plataforma de "confluencia" das "forzas do cambio" nas eleccións galegas. Os dous documentos aprobados perfilan os "principios básicos" do movemento e despexan o que viña sendo un dos seus principais interrogantes: a participación nel será "individual" e así tomarán as decisións.

As Mareas en Común abren así o que denominan "momento constituínte", cuxos prazos e detalles concretos están sendo perfilados "nun grupo de traballo que xa está en funcionar". A idea, explican participantes no encontro, é que o traballo desenvolvido ata agora desemboque, cos principios aprobados, nun foro semellante ao celebrado pola Marea Atlántica coruñesa antes das municipais, a denominada "marea viva". Neste espazo, sinalan, abordaríanse "as principais decisións", dende a "fórmula xurídica para presentarse ás eleccións" ata a organización para elaborar o programa electoral e o funcionamento das primarias para a elección de candidaturas.

Participantes nas xuntanzas cren que a participación individual garante que a confluencia non sexa "unha mesa de partidos"

Nun prazo de arredor dunha semana as Mareas en Común agardan ter "definidas" as datas de celebración desa "marea viva" e os requisitos para poder participar e votar nela. A aposta, indican as fontes consultadas, é que a participación non estea restrinxida a quen xa integran as mareas municipais, senón tamén a membros das forzas políticas que apoiaron En Marea, ademais de colectivos sociais ou veciñais, exemplifican. A aprobación da "adscrición individual", indican, permite garantir que ese foro non sexa "unha asemblea ou mesa de organizacións, senón un espazo aberto e transparente". "Imos tentar que as datas dependan de nós, pero isto non sería así se Feijóo decide adiantar as eleccións", advirten.

Os documentos aprobados apostan pola celebración dunha "marea viva", un foro que tome decisións como "a fórmula xurídica" ou a organización das primarias

Xunto aos aspectos de procedemento as mareas municipais déronlles luz verde tamén aos seus "principios básicos", un "documento de mínimos" no que, segundo indican nun comunicado feito público este domingo, marcan prioridades como "a loita contra a corrupción", a "feminización da política", a "aposta por un modelo económico maís xusto", a "defensa da lingua e da cultura galegas", a "xestión eficaz dos recursos públicos" ou a "reclamación de máis autogoberno para Galicia e unha mellor vertebración territorial". O documento será público "nos vindeiros días" e procurará "adhesións individuais e de organizacións".

Así as cousas, Mareas en Común dá por iniciado un proceso no que algúns dos seus participantes expresan, non obstante, diversas cautelas e eivas a subsanar, a comezar por un certo "desequilibrio territorial" -algúns dos participantes din botar en falta participación activa de, por exemplo, máis membros da Marea de Vigo ou Ferrol en Común- ou os receos existentes nalgunhas das plataformas, caso dalgúns membros de Compostela Aberta. Do mesmo xeito, mantéñense á expectativa da conformación da nova dirección de Podemos en Galicia -as tres candidaturas defenden a confluencia, pero con matices- e da concreción dos acordos da conferencia política que Anova celebrou na Coruña este domingo.

Un intre da xuntanza das mareas en Marín CC-BY-SA Marea Marín

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.