Compromiso presentará candidatura propia ás eleccións autonómicas

Imaxe da Convención Nacional celebrada este domingo © CxG

Os afiliados e afiliadas de Compromiso por Galicia decidiron este domingo na Convención Nacional celebrada en Teo presentar unha candidatura propia ás eleccións autonómicas. O 71% dos asistentes apostaron por esta opción, fronte ao 29% dos afiliados e afiliadas, que apoiaron a opción de sumarse a unha candidatura plural con En Marea.

O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, salientou “a calidade dos debates e dos argumentos expostos e o alto grao de participación da militancia” nesta votación. Bascuas recoñeceu que “este é un proxecto que se constrúe con poucos recursos pero no que somos donos no noso destino e co centro de decisión en Galicia”.

Bascuas sinalou que “sabemos que hai xente que votaba PP ou Ciudadanos, pero que agora desexa votar en clave galega; hai xente no PSOE que está cansa de votalos e agora ten unha opción socialdemócrata en Compromiso e xente que tradicionalmente votaba BNG e que a agora tamén ten unha alternativa galeguista en Compromiso, polo que se conseguimos explicar o noso proxecto estou seguro de que Compromiso dará moitísimo que falar nos vindeiros anos”. Para o mes de maio está prevista a convocatoria do Consello Político Nacional e nel presentarase un regulamento de primarias para elixir o candidato/a de Compromiso á presidencia da Xunta.

Durante a Convención foi precisamente Bascuas quen defendeu publicamente a opción de concorrer de forma independente, rexeitando que Compromiso se convertese en "apéndice" cun "peso nimio" dun colectivo "moito máis amplo". Fronte a el, Xosé Manuel Pérez Bouza abanderou a opción de participar nunha confluencia de forzas por unha cuestión de "utilidade", para derrotar o PP e para "propiciar un cambio de goberno e de políticas". Pérez Bouza sinalara que para que o traballo de Compromiso sexa "útil" para Galicia, a única solución pasaba por unha "candidatura de confluencia ampla, diversa e plural, conformada por forzas galegas e de ámbito estatal e "en clave de país". Pérez Bouza engadiu que "participar en solitario sería condenar a Compromiso a un novo fracaso electoral e non coñecemos a ningunha forza política que sobreviva a fracasos electorais continuos".

 

Imaxe da Convención Nacional celebrada este domingo © CxG
Imaxe da Convención Nacional celebrada este domingo © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.