Pontón, a un paso de ser elixida candidata do BNG á Xunta

Pontón e outras militantes do BNG, este luns en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

O BNG está a un paso de elixir a súa primeira candidata á Presidencia da Xunta e, sete anos despois, de volver facer confluír tal condición coa portavocía nacional. A líder do Bloque, Ana Pontón, ratificou este luns a súa intención de concorrer ás eleccións galegas como cabeza de cartel da formación frontista, o que implica presentarse ao proceso interno aberto polo Consello Nacional o pasado día 9 e que culminará, o día 30, coa proclamación da candidatura por parte do mesmo órgano.

Tras recibir diversos apoios "públicos e privados" nas últimas semanas, a nacionalista compareceu este luns ante a prensa acompañada por unha vintena de integrantes do Bloque para explicar que dá "este paso" dende o "convencemento". A súa aposta, afirma, é liderar un proxecto "de futuro, a alternativa ao espolio, recortes e precariedade dun Feijóo que representa o pasado, que traizoou a confianza que moitos galegos e galegas lle concederon".

Para Pontón, a súa condición de muller tamén debe ter unha mensaxe política se finalmente acada a candidatura. Pode contribuír, cre, a "romper colectivamente teitos de cristal" e "situar no centro da acción política a defensa da igualdade entre homes e mulleres para camiñar cara a unha sociedade máis xusta". Todo isto, engade, dende un proxecto político "coa cabeza e os pés neste país" e situando como prioridade "as persoas que xa nin miran os anuncios nos xornais porque perderon a esperanza de atopar emprego".

As votacións comarcais desenvolveranse entre os días 21 e 27 e a proclamación realizarase o día 30

Agás sorpresa, a de Ana Pontón será a única candidatura que teñan sobre a mesa as asembleas comarcais que, entre os días 21 e 27, debaterán a elección. No entanto, a tamén parlamentaria non descarta a presentación doutras ata a fin do prazo, este mércores, algo que vería "moi positivo". "Hai moitas persoas valiosas que tamén poden dar un paso e facer unha grande achega", asegura, nun contexto no que manifesta o seu "orgullo" por "estar nunha organización onde de verdade deciden as bases. "Eu non sei cantas forzas políticas poden dicir que para ser candidato á Presidencia basta con presentar 50 avais", resalta.

"Non sei cantas forzas poden dicir que para ser candidato á Presidencia basta con presentar 50 avais"

Se, como todo semella indicar, Pontón se converte en candidata á Presidencia a súa intención, di, é que o nacionalismo sexa "parte fundamental para a derrota do PP en Galiza" e para "acadar un cambio real na dinámica de arrase do noso país, que comezou xa antes da crise económica e que pasa por romper coa dependencia e decidir nós". Nesta liña, e tras a aprobación dos documentos da Asemblea Nacional que apostan por unha candidatura en clave soberanista, sinala que o BNG ten "as portas abertas" porque "todos e todas as que queiran un proxecto de país teñen no BNG a súa casa".

Pontón, durante a presentación da candidatura CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.