A Xunta gastou 6.000 euros no acto de entrega de 40 premios de 750 euros a estudantes da ESO

Acto de entrega dos premios da ESO, na Cidade da Cultura © Xunta

O pasado 4 de marzo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entregou 40 premios extraordinarios da ESO de 750 euros cada un a outros tantos estudantes de secundaria polo seu rendemento académico e superación persoal. Aquel acto, celebrado na Cidade da Cultura, custou 6.147,08 euros, importe que daría para outorgar outros oito premios ou para elevar os entregados de 750 a 900 euros.

A Consellería de Cultura vén de facer público o contrato menor (isto é, que pode adxudicar completamente a dedo sen pedir ningunha outra oferta) para os “servizos de deseño, montaxe e organización do acto de entrega dos premios da ESO”, entregado á empresa Wecom Consultora de Comunicación y Relaciones Públicas SL. O administrador único da firma é Alberto José Rey Basteiro, que foi asesor municipal do PP en Lalín, onde o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi concelleiro entre 1999 e 2015.

A relación da empresa co PP de Lalín sacárona á luz os propios populares cando o actual alcalde lalinense os acusou de facer campaña con fondos públicos

A relación de Rey Basteiro co PP de Lalín sacárona á luz os propios populares o pasado mes de xullo, logo de que o actual alcalde da vila, Rafael Cuiña, os acusase de empregar os recursos do gabinete da alcaldía para facer campaña electoral. Os populares consideraron normal que o novo rexedor atopase na alcaldía documentos relacionados co PP pola necesidade, argumentaron, de coordinar as axendas institucional e do partido. Eles mesmos relacionaron tamén eses documentos do PP atopados na alcaldía co feito de que Rey Basteiro formase parte ata 2008 do gabinete do anterior alcalde, José Crespo, e coordinase despois a través doutra empresa de comunicación a campaña electoral do PP en 2011. Rey Basteiro, segundo outra información de La Voz de Galicia, tamén foi consultor político do PP en Noia.

Preguntada por estas circunstancias, a resposta de Cultura é a seguinte: “A consellería organiza este tipo de eventos con frecuencia, co cal relaciónase con moitas empresas deste sector. Neste caso, e seguindo os trámites habituais, elixiuse esta empresa -Wecom Consultora de Comunicación y Relaciones Públicas- porque se amoldaba aos requerimentos de organización do acto, tendo en conta que se trata dunha empresa dedicada a esta materia”.

A Consellería indica que elixiu a firma do exasesor do PP "porque se amoldaba aos requerimentos de organización do acto, tendo en conta que se trata dunha empresa dedicada a esta materia"

O acto de entrega dos premios extraordinarios da ESO correspondentes ao curso 2014-2015 celebrouse o pasado 4 de marzo no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura. Alí habilitouse un escenario cun decorado alusivo aos premios.

Como cada ano, entregáronse 20 premios de 750 euros cada un en recoñecemento ao rendemento académico e outros 20 premios do mesmo importe á superación persoal. En total, a Xunta repartiu 30.000 euros entre os mellores estudantes de secundaria de Galicia. O custo do acto, 6.147,08 euros, supón o 20% do importe total repartido en premios. No seu discurso, Feijóo gabou a importancia da “perseverancia” e a “excelencia”.

Detalle da adxudicación do contrato menor CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.