0 Gardados para despois

A secretaria de Igualdade adxudicou a dedo á súa ex xefa de prensa e a unha tenda da súa vila

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, adxudicou a dedo máis de 6.000 euros á súa ex xefa de comunicación e mercou discrecionalmente nunha tenda da súa vila figuras de Sargadelos por 585 euros. Nos catro anos e medio que López Abella leva á fronte de Igualdade, dependente da Vicepresidencia de Alfonso Rueda, o seu departamento só convocou un concurso público e en dous procedementos negociados, nos que a Administración invita a dedo a tres empresas a que lle presenten ofertas, só fixo público o nome da gañadora ocultando o das outras dúas supostas competidoras.

Ata o mes pasado a Xunta só estaba obrigada a facer públicos os contratos adxudicados por concurso ou por procedementos negociados. Pero desde mediados de marzo, en virtude da nova Lei de Transparencia, tamén é obrigatorio facer públicos os contratos menores, os que polo seu reducido importe poden adxudicarse de xeito completamente discrecional. A medida non é retroactiva, así que non se coñecen os contratos menores entregados antes de marzo, pero ao analizar os divulgados nestas poucas semanas chama especialmente a atención o xeito de contratar de Igualdade. A resposta da Xunta para todos os casos é que “todos os contratos están tramitados e executados de acordo coa lexislación vixente e fiscalizados no seu caso pola intervención delegada; actuamos conforme á lei e coa máxima transparencia”.

A secretaria xeral adxudicou 'a dedo' á súa ex xefa de comunicación; a Xunta indica que "todos os contratos están executados de acordo coa lexislación vixente e fiscalizados"

O departamento de López Abella adxudicou a través dun contrato menor, isto é, de xeito completamente discrecional, traballos para un foro de educación en igualdade da mocidade a Elas Comunicación Sociedade Cooperativa Galega por 6.171 euros. Nesa axencia de comunicación é socia presidenta Luisa Fernanda Torres, que foi xefa de prensa de Igualdade de xuño de 2011 a xaneiro de 2013 e que xa o fora de Pesca de 1997 a 2004. A Xunta xustifica que a empresa é “unha cooperativa formada por tres mulleres” e que aínda que “unha delas traballou nun departamento da Xunta hai máis de tres anos”, iso “non a inhabilita para poder asinar contratos” co Goberno galego.

Outra factura ten por obxecto “suministro figuras Rosalía Sargadelos acto 8 marzo”, por 585 euros a nome de Marisol Román CB. Esa denominación é a dun comercio da vila de Chantada, de onde é a propia secretaria de Igualdade. López Abella mercou esas figuras como regalo institucional para o día internacional da muller de xeito discrecional nunha tenda da súa vila malia que en toda Galicia hai 39 puntos de venda de Sargadelos, segundo a súa propia web (dous deles en Santiago, onde ten a sede a Secretaría de Igualdade), e a que a empresa tamén vende por internet. A Xunta di que o de Chantada “é un máis dos puntos de venda oficiais de Sargadelos”, que “era máis barato que noutros dos consultados” e que “foron 13 figuras a 45 euros cada unha”. Na web de Sargadelos cada figura custa 39,50 euros e o lote completo pode conseguirse por 513,50 euros, 71 euros máis baratas que en Chantada.

Igualdade argumenta que mercou os agasallos na vila de López Abella porque "era máis barato"

Igualmente, entre os seus contratos menores hai dúas facturas, de 114,80 e 526,30 euros, respectivamente, cos conceptos “xantares traballo” de febreiro e marzo, a nome de dous locais de hostalería situados nas inmediacións da sede de Igualdade, no barrio compostelán de San Lázaro. Toda a resposta da Xunta para este caso é a seguinte: “Correspóndense con reunións de traballo próximas á sede da Secretaría Xeral”.

Outro dos contratos menores do departamento de López Abella, para a elaboración do VII plan de Igualdade 2016-2020, foi entregado a dedo por 17.998,75 euros, só 1,25 euros por baixo do límite legal a partir do que xa debería ter solicitado polo menos outras tres ofertas. A resposta da Xunta: “Era o montante do traballo. Adxudicouse á mesma empresa que elaborou a avaliación do VI Plan”.

Un só concurso en catro anos e medio

López Abella traballou de xornalista en Chantada antes de ser elixida concelleira nesa vila e logo deputada autonómica. En 2009 foi nomeada secretaria xeral de Familia e Benestar pero os seus enfrontamentos coa entón conselleira Beatriz Mato fixeron que a finais de 2011 pasase a Igualdade, dependente de Alfonso Rueda. Cando era deputada da oposición, acusou ao entón vicepresidente Anxo Quintana de ter no seu coche oficial un minibar de luxo que resultou ser unha neveira portátil que o equipo do nacionalista amosou aos xornalistas e valorou en 15 euros.

Nos catro anos e medio que López Abella leva á fronte de Igualdade, o departamento só convocou un concurso público aberto a calquera candidato que se quixera presentar, por 22.000 euros para a xestión das súas redes sociais. Neste tempo Igualdade, segundo reflicte de xeito non sistemático a web de contratos públicos da Xunta, convocou catro procedementos negociados sen publicidade, nos que é a propia Administración a que invita a unha terna de empresas a presentarlle ofertas. O resto das súas adxudicacións e compras, que só é obrigatorio divulgar a partir de agora, realizáronse a través de contratos menores, de xeito completamente discrecional sen pedir ofertas alternativas.

O departamento só fixo público o nome da empresa adxudicataria, pero non o das outras dúas ás que afirma que convidou para presentar as súas ofertas

Pero os anteditos procedementos negociados, cos que repartiu 200.000 euros,  tamén presentan irregularidades. Malia que a Xunta leva anos incluíndo nas resolucións coas que adxudica os contratos o nome das outras empresas candidatas xunto co da gañadora, en dous dos de Igualdade só fixo público o nome da empresa adxudicataria pero ocultou o das outras dúas supostamente invitadas a realizar ofertas. As resolucións desas adxudicacións teñen data do 22 e o 23 de marzo de 2012 e están asinadas pola propia López Abella. A primeira entregou á denominada Consultora de Estudios y Análisis (CEES) por 69.384 euros o desenvolvemento dun plan de dinamización de mulleres transfronteirizas. A segunda adxudicou a Hércules Proxectos e Estudos por 48.920 euros a creación de centros de información á muller para o mesmo proxecto transfronteirizo.

Igualdade ocultou nesas resolucións o nome das outras empresas que optaron a ambos contratos. O que se sabe é que o administrador único de Hércules Proxectos e Estudos é tamén apoderado de CEES e que levaron os contratos malia ofrecer rebaixas de tan só 236 e 94 euros, o 0,39% e o 0,19%, respectivamente dos prezos de licitación.

A Xunta di que “ningunha norma obriga a publicar os nomes dos ofertantes” e que só “desde febreiro de 2014” a lei obriga “ás empresas que opten a procedementos negociados a acreditar que non están vinculadas entre elas nin actúan baixo unidade de decisión ou dirección única”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.