Pedro Sánchez descoloca o PSdeG coa súa enquisa de candidatos á Xunta

Pedro Sánchez e Pilar Cancela, nun mitin previo ás xerais CC-BY-NC-SA PSdeG

"Non calibraron ben". A enquisa encargada pola dirección federal do PSOE para coñecer as preferencias do electorado galego sobre posibles candidatos socialistas á Xunta descolocou os diferentes sectores do PSdeG. Nun clima de augas revoltas dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral, o estudo de Ferraz,  revelado en eldiario.es e Praza.gal, colleu co pé cambiado tanto á xestora á que o equipo de Pedro Sánchez encargou dirixir a transición ata o vindeiro congreso nacional como aos dirixentes críticos con quen formaban a cúpula directiva do partido en Galicia ata o pasado marzo.

Aínda que catro do cinco nomes incluídos no inquérito -o voceiro parlamentario, José Luis Méndez Romeu; os presidentes das deputacións da Coruña e Pontevedra, Valentín González e Carmela Silva, e o exministro Francisco Caamaño- son recorrentes nas cábalas internas da posible candidatura, a inclusión na enquisa do profesor, politólogo e coñecido tertuliano Antón Losada supuxo unha especial sorpresa. Tanto polo nome en concreto como, sobre todo, polo feito de tratarse dunha persoa que non é militante do PSOE e que, polo tanto, non podería participar nunhas primarias que, a priori, están a piques de ser postas en marcha.

Na xestora prevén activar as primarias nos vindeiros días

Así, desde a contorna da xestora, que non estaba ao corrente da enquisa nin de que Ferraz barallase o nome de Losada, consideran que esta opción non é "realista" e atribúen a súa inclusión no estudo a unha aposta por "comparar" as opcións que se barallan dende a dimisión de Besteiro con alguén "de fóra do partido" e con importante proxección pública. Trataríase, especulan, dun exercicio demoscópico, "de sociólogos", din as mesmas fontes, que reiteran ademais que o guión da xestora segue pasando por activar as primarias "esta semana".

"Desconexión" de Ferraz con Galicia

Alén dos nomes concretos, a posibilidade de que a dirección federal estea a calcular lanzar unha candidatura á Xunta allea aos equilibrios internos e con independencia dos apoios que poida obter dentro do propio PSdeG é motivo de preocupación entre os socialistas galegos. Un veterano dirixente próximo ao equipo encargado de trazar as liñas mestras do programa electoral galego cre que a aposta por un candidato alleo ao partido "non tería percorrido" e implicaría, de facto, "cargarse a xestora" nomeada por Ferraz. Dadas as circunstancias, agrega, o máis adecuado sería un perfil con "recoñecemento dentro do partido" e referendado en primarias.

Veteranos dirixentes ven no movemento de Ferraz un intento de reeditar en Galicia o sucedido en Madrid con Gabilondo

Tampouco entre os máis críticos coa xestora se aplaude o movemento de Ferraz. Así, un dirixente con asento no Parlamento galego que non oculta os seus receos pola "pouca potencia política" do equipo interino tampouco comparte que a vía adecuada sexa emular o sucedido no PSOE de Madrid cando, a apenas tres meses das eleccións autonómicas, Sánchez optou por destituír a Tomás Gómez e preparar o terreo para a chegada de Ángel Gabilondo. Supoñer que o PSdeG está "tan deteriorado" como daquela estaba o PSM ou que os socialistas galegos aceptarían a alguén sen traxectoria nas filas socialistas é, asegura, unha mostra de "desconexión" co que sucede en Galicia dentro do partido pero tamén fóra del.

Un proceso pilotado pola Executiva federal tampouco contaría co apoio de Vigo, onde se fala de "esvarón"

Un proceso pilotado directamente pola Executiva federal tampouco contaría coa aquiescencia da poderosa agrupación viguesa, cuxo máximo expoñente, o alcalde, Abel Caballero, percorre nas últimas semanas diversos puntos de Galicia co obxectivo declarado de "revitalizar" o partido cara ás autonómicas. En Vigo, onde a opción de Caamaño gusta especialmente, espérase que a dirección do PSOE corrixa o "esvarón" e non percorra o camiño que parece abrir coa enquisa. O contrario, advirten as fontes consultadas, podería acabar alimentando, entre outras, a posibilidade de que as mareas superen aos socialistas nas urnas e, por tanto, se afiancen como líderes dun posible cambio se Alberto Núñez Feijóo non reedita a maioría absoluta.

Caballero, durante a súa visita a Ferrol CC-BY-NC-SA PSdeG Ferrol
Pilar Cancela dirixe a xestora do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.