Podemos defende unha En Marea "democratizada" como base para as autonómicas

Máis de 200 persoas participaron na asemblea aberta a todos os círculos, celebrada en Ames © Podemos Galicia

Podemos Galicia celebrou este sábado en Ames unha asemblea aberta a todos os círculos da formación. A xuntanza, na que participaron máis de 200 persoas, serviu para fixar as liñas básicas polas que aposta o partido de cara a conformar unha candidatura para as vindeiras eleccións ao Parlamento galego e de cara a elaborar o programa electoral. 

Podemos sinala que "o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea"

Os e as asistentes manifestaron "a necesidade de democratizar o espazo En Marea" e salientaron que "o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea". A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, subliñou que “é lexítimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia, porque é o que votaron os inscritos e niso están de acordo a maior parte dos asistentes hoxe aquí”.

Santos anunciou, así mesmo, que se crearán encontros de participación temáticos nestes meses que permitan un desenvolvemento moito mais amplo das propostas programáticas de Podemos de cara aos comicios, buscando ademais "mellorar as canles de comunicación cos círculos e coa cidadanía en xeral".

Durante a asemblea presentáronse as diferentes secretarías que conforman o Consello de Coordinación galego. Ademais, os e as representantes electos nas cámaras estatais que veñen de disolverse, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino e José García Buitrón, aproveitaron a ocasión para facer unha rendición de contas insistindo "no valor da súa actividade parlamentaria nestes meses" e expuxeron as súas impresións sobre como encarar os vindeiros compromisos electorais.

 

Máis de 200 persoas participaron na asemblea aberta a todos os círculos, celebrada en Ames © Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.