O PSOE decátase de que a súa número 6 en Santiago tamén é membro de Podemos

Estévez (terceira pola dereita), na constitución da Comisión de Garantías de Podemos Galicia CC-BY-SA Podemos Galicia

Significativa sorpresa no que noutras ocasións foi pouco máis que un trámite. A comezos desta semana a número dous do PSdeG no Concello de Santiago, María José Tobar, anunciaba a súa intención de abandonar a corporación municial. Filóloga de profesión, novos labores profesionais impídenlle a Tobar continuar compatibilizando o seu traballo coa política, que veu exercendo sen dispoñer de ningunha das dúas dedicacións exclusivas -unha completa e outra, media- das que dispón o PSdeG compostelán. Segundo o procedemento normal a concelleira tería que ser substituída polo seguinte membro da lista, o quinto, Antón Barba, pero a súa condición de funcionario municipal complica a situación. Isto abriría a porta á número seis, Beatriz Estévez, que segue no PSOE, pero agora tamén é membro de Podemos. 

O primeiro sorprendido por esta dupla militancia foi o portavoz municipal socialista, Francisco Reyes. Ao ser preguntado ao respecto en rolda de prensa tivo que admitir que se decatou da curiosa compatibilidade a través da prensa local. Cunha mestura de estupefacción e resignación Reyes asume que tocará "falar" con Barba -para acceder ao posto de concelleiro tería que pedir unha excedencia do seu posto de funcionario- e, se é inviable a súa incorporación, facer o propio con Estévez, con quen xa mantivo unha primeira conversa telefónica. Se ela quixese recoller a acta non habería vía legal para impedirllo, aínda que Reyes considera que, por "ética" e "coherencia", tería que "darse de baixa" no PSdeG e "non tomar posesión".

Estévez é dende o pasado abril membro da Comisión de Garantías de Podemos Galicia, para a que foi elixida con 1.003 votos

A inscrición de Beatriz Estévez en Podemos non é, como noutros casos, máis ou menos testemuñal. Non en balde, nas recentes primarias do partido morado en Galicia esta avogada experta en temas vinculados ao turismo foi elixida, con 1.003 votos, como integrante da Comisión de Garantías Democráticas. Conforme a esa elección, Estévez participou o pasado 22 de abril na primeira xuntanza deste órgano interno da formación que agora lidera en Galicia Carmen Santos.

O primeiro sorprendido pola nova foi o voceiro municipal, que agarda "falar" primeiro co número cinco da candidatura

Pero a súa incorporación á vida interna de Podemos non supuxo a súa desvinculación do PSOE, como tampouco o supuxo a súa integración, nas pasadas xerais, na lista do partido Ourense pola Esquerda como número dous ao Congreso. Todo, aínda que estatutariamente a dupla militancia implica a expulsión das filas socialistas, posibilidade que o partido xa estuda.

Con todo, segundo recolleu La Voz de Galicia, o portavoz municipal comprobou de primeira man a súa presenza, esta mesma semana, nun encontro de dirixentes locais do PSdeG na capital galega co alcalde de Vigo, Abel Caballero, dentro das súas visitas previas ás primarias da formación. Ademais, a Reyes cónstalle que a dobre militante ten ao día o pagamento das súas cotas como afiliada socialista.

Neste peculiar escenario, aos socialistas composteláns, inmersos nun clima de fortes tensións internas só lles resta buscar unha vía para encaixar a incorporación de Barba, o que implicaría modificar substancialmente a repartición de dedicacións, ou cruzar os dedos para que Estévez renuncie e deixe correr a lista para a entrada do número sete, Luis Valcarce, avogado de dilatada traxectoria militante no PSdeG. Beatriz Estévez, de momento, non descarta ser concelleira do PSOE: "Xa se verá", contestou a La Voz. Mentres, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, circunscribe o conflito a un "problema" do PSOE e descarta, en todo caso, que Estévez poida acabar integrada en Compostela Aberta, plataforma gobernante na que tamén participa Podemos.

 

A número dous de Podemos-Galicia responde ás críticas por traballar para o PSOE

Por outra banda, a número dous de Podemos-Galicia, Celtia Traviesas, traballou para o PSOE durante pouco máis dun mes como asesora de Presidencia da Deputación de Lugo, tal e como adiantou El Progreso. O seu nomeamento foi o pasado outubro pero non se fixo efectivo ata o 21 de decembro. O pasado 3 de febreiro cesou no seu posto, seis semanas antes de que se iniciasen as primarias na formación morada, onde foi a candidata máis votada para formar parte do consello cidadán autonómico. 

Celtia Traviesas foi asesora de comunicación do presidente da Deputación de Lugo durante mes e medio

A actual secretaria de estratexia política e comunicación de Podemos-Galicia emitiu xa un comunicado aclarando que agradece ao presidente da Deputación, Darío Campos, que malia a súa "proximidade a outro partido", que di que nunca ocultou, valorase o seu traballo para un posoto de confianza como asesora de comunicación. "Oxalá isto ocorrese máis a cotío nas administracións públicas", di. 

Ademais, lembra que "como xornalista" ten traballado en xornais que, "case sempre contraviñan" as súas ideas e intereses, o que non lle impediu levar a cabo o seu traballo durante anos "con rigor e honestidade". Traviesas lanza críticas cara ás supostas filtracións deste emprego por parte de membros dalgunha das listas perdedoras nas primarias de Podemos e lembra que "nunca" tivo relación co PSOE "máis aló dese mes e medio contratada na Deputación". 

A número dous de Podemos-Galicia lanza críticas aos membros da súa formación que critican o seu emprego na Deputación

"Deixeino sen saber que pouco despois se convocarían novas eleccións aos órganos internos de Podemos-Galicia. Poden estar tranquilos os que me afean que durante a campaña eu estivese 'pensando noutro partido' porque pensar pensaba no noso", di. "Mellor nos iría se todos pensaramos menos nas batallas internas e máis na xente que ten as esperanzas depositadas en que contribuamos a construír un país onde se viva mellor", asegura quen aclara que deixou o seu labor na Deputación porque foi contratado por Podemos para o equipo da eurodeputada Estefanía Torres. 

Estévez (terceira pola dereita), na constitución da Comisión de Garantías de Podemos Galicia CC-BY-SA Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.