O PP aproba retirar os honores a Franco no Concello de Ourense mais lembra "Paracuellos"

Pleno do Concello de Ourense © Concello de Ourense

Francisco Franco xa non posúe a medalla de ouro da cidade de Ourense. O pleno municipal celebrado este venres aprobou por unanimidade unha moción presentada por Ourense que solicitaba a retirada deste honor, que lle fora concedido ao ditador en setembro de 1946. A petición fundamentábase no cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007, que no seu artigo 15 sinala que “as Administracións Públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións, conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”. O Concello de Ourense levaba nove anos incumprindo a lei.

Vázquez aproveitou tamén para criticar que Ourense en Común "non mencione o que están sufrindo os galegos de Venezuela por culpa dun ditador"

A pesar da unanimidade que rexistrou a votación, o debate da moción subiu en intensidade cando Ledicia Piñeiro, concelleira de Ourense en Común, lembrou o vínculo de Manuel Fraga coa ditadura franquista, da que foi ministro. A referencia non lle gustou ao alcalde, Jesús Vázquez, que botou man de Santiago Carrillo e pediu para o ex presidente da Xunta o mesmo respecto que para o líder do PCE. "Todos podemos aquí falar de anécdotas e de temas como Paracuellos", dixo. Ademais, Vázquez aproveitou tamén para citar a Venezuela criticando que a marea ourensá presentase esta moción a mes e medio das eleccións "e non mencionen nada do que están sufrindo os galegos de Venezuela por culpa dun ditador", en referencia a Nicolás Maduro.

A moción de Ourense en Común destacaba que “debemos revogar este acordo e continuar construíndo un novo relato do pasado onde se poñan en valor ás e aos demócratas e non a quen fixo, apoiou e foi sustento dun golpe militar ou do rexime franquista. A figura de Francisco Franco simboliza a época máis triste da nosa historia, a escuridade dunha longa noite de pedra e simboliza o exterminio de boa parte da nosa mellor xeración de demócratas”.

A formación salientou que a iniciativa buscaba servir tamén "como homenaxe a todas as persoas asasinadas polo franquismo”

A formación salientou que a iniciativa buscaba servir tamén "como homenaxe a todas as persoas asasinadas polo franquismo”, nomeadamente ao derradeiro alcalde democrático de Ourense ata a Transición, Manuel Suárez Castro, "un home de orixe humilde, que a través da súa traxectoria sindical, chegou a converterse nun referente para as veciñas e veciños da época e chegou a ser rexedor da corporación municipal". Manuel Suárez foi fusilado en 1937, tras un Consello de Guerra que lle imputou o delito de "rebelión militar".

 

Pleno do Concello de Ourense © Concello de Ourense
Acta do pleno que en 1946 aprobo a concesión da medalla de ouro ao ditador © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.