Case o 60% da poboación galega evita participar en política porque non lle "interesa"

Manifestación en maio do 2011, en Vigo CC-BY-NC-ND Imagen en acción

O termo "política" é empregado en moitos eidos e en non poucos, de xeito pexorativo. Mesmo nun dos ámbitos concibidos para exercela, o Parlamento, adoitan intercambiarse acusacións de "politizar" o tema que se estea a tratar. No entanto, a actividade política vai moi alén dos discursos máis ou menos partidarios e esténdese a diversos eidos da vida nos que, a xuízo dos datos máis recentes, a maioría da poboación galega -e tamén da españoña- non ten "interese". Non en van, case o 60% das persoas que residen en Galicia evitan a actividade política por non estaren interesadas nelas.

O INE vén de facer públicos os datos do módulo de participación social da súa enquisa de condicións de vida. Dentro deste inquérito a poboación foi cuestionada pola súa participación "en actividades de carácter político" en sentido amplo. Isto é, pregúntase polo achegamento ao labor dos partidos políticos, xa sexa militando, asistindo a eventos ou doutro xeito. Asemade, o estudo considera tamén política a participación en manifestacións ou outra caste de activismo.

Apenas un 8% da poboación de Galicia di estar activamente implicada en actividades políticas

Partindo desta ampla definición, apenas un 8% da poboación galega di estar activamente implicada na política. Mentres, case o 72% responde que é allea a estas actividades. E, dentro das respostas negativas, o 56% apuntan que a razón para non participar é que "non ten interese", seguida pola falta de tempo, razón á que alude algo máis do 30% da poboación. Mentres, o 5,2% indica que non participa porque carece de tempo dabondo na súa vida diaria para poder facelo.

O desinterese pola actividade política en Galicia está tres puntos e medio por riba da media estatal

O desinterese da poboación galega pola actividade pola actividade política é tres puntos e medio superior á media estatal, aínda que a proporción de poboación que ofrece esta resposta está notablemente por baixo dos territorios que lideran o rexistro. Así, en Extremadura case tres de cada catro persoas din non ter interese na política e xusto despois, co 68%, sitúase Euskadi, segunda autonomía con menos interese segundo este estudo malia á intensidade da súa vida pública. 

Galicia está por riba da media en desinterese, pero tamén un chisco por riba en implicación activa nestas actividades. Así, a media estatal de participación política está no 7,9% da poboación, tres décimas menos que a galega. A estatística está neste caso encabezada por Catalunya, onde case o 15% da poboación manifesta que exerce a actividade política na súa vida diaria. 

En 2006 o 3,8% da poboación galega afirmaba participar en actividades políticas ou sindicais

Aínda que é a primeira vez que esta enquisa é realizada nestes termos e, polo tanto, non é posible comparar a evolución dos seus indicadores, si existe unha referencia na enquisa de condicións de vida de 2006, cando a poboación foi cuestionada pola súa participación en actividades de partidos políticos ou sindicatos. Daquela o 3,8% da poboación galega respondeu afirmativamente e, no caso da media estatal, a cifra era do 3,7%. Aínda coas diferenzas de ambos estudos cabe concluír, non obstante, que a participación política da poboación en xeral rexistra un incremento na última década.

Votación nunha formación política galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.