O PSdeG pasa páxina no Parlamento con Patricia Vilán á fronte ata as eleccións

Vilán, con Cancela e Romeu na xuntanza na que se ratificou o seu nomeamento CC-BY-NC-SA PSdeG

O grupo parlamentario foi un dos atrancos ao desenvolvemento da estratexia de José Ramón Gómez Besteiro durante a súa etapa como secretario xeral do PSdeG. Malia estar comandado por José Luis Méndez Romeu, a delegación dos socialistas na Cámara galega veu sendo, sobre todo, froito das liñas coas que Pachi Vázquez deseñou as listas de 2012. A dimisión de Romeu tras perder as primarias pola candidatura á Xunta fronte a Xoaquín Fernández Leiceaga abriulle á xestora e ao propio candidato unha fiestra de oportunidade que veñen de aproveitar para, dentro dos efectivos dispoñibles, renovar as facianas máis visibles da súa representación parlamentaria, coa deputada pontevedresa Patricia Vilán á fronte ata, cando menos, os vindeiros comicios.

As vías que Leiceaga e o equipo que dirixe Pilar Cancela tiñan diante de si tras a renuncia de Romeu eran, esencialmente, dúas: procurar algunha alianza entre os membros do grupo que apoiaran abertamente nas primarias ao ata agora voceiro ou facer o contrario, levando á primeira liña a quen se posicionaron co novo candidato. A dificultade da segunda opción, pola que finalmente optaron, é a escaseza de deputadas e deputados afíns a Leiceaga -só catro dos 18- e, asemade, que boa parte deles son novos en idade e con pouca experiencia parlamentaria.

A xestora optou por poñer á fronte aos membros do grupo próximos ao novo candidato á Xunta

Nesta conxuntura é na que fragou a opción de Vilán, profesora da Universidade de Vigo e deputada dende 2012. Como voceira de Medio Ambiente as súas iniciativas nestes anos centráronse neste eido, con fincapé en ámbitos como a participación no Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais, o rexeitamento das touradas, os incendios, o control á actividade de Sogama con conflitos como a suba do canon aos concellos ou a marcaxe a ENCE e o rexeitamento á prórroga da súa permanencia na ría de Pontevedra.

Vilán convértese na primeira muller en exercer a portavocía parlamentaria do PSdeG

Con esta bagaxe Vilán pasa das últimas bancadas do Grupo Socialista á primeira, dende a que xa o vindeiro mércores terá que confrontar co presidente da Xunta na sesión de control. "Tocoume entrar como última no hemiciclo e fareino exactamente igual que por tras", ilustrou este mércores tras ratificarse o seu nomeamento nunha xuntanza na que participou Cancela e, xunto a ela, o voceiro saínte. "Todos os membros do grupo somos protagonistas na súa medida, todos facemos o noso traballo moi ben feito", afirmou tras asegurar que asume o seu novo cometido de "maneira grata". Os labores de coordinación do grupo compartiraos con outros dous deputados que estiveron da banda de Leiceaga nas primarias: Emilio Vázquez, da Coruña, e Noela Blanco, de Ourense.

Tras a reestruturación do grupo a presidenta da xestora admitiu que a elección como voceira de Vilán, primeira muller que asume a portavocía parlamentaria na historia do PSdeG, trasmite "certa identidade do candidato" á Xunta "co equipo que dirixa o grupo parlamentario". Así e todo, Pilar Cancela coida que "non se trata de identificar" os deputados e deputadas "cunha ou outra corrente", e agarda que o conxunto do grupo exerza de xeito "compacto" ata a disolución da Cámara e a convocatoria electoral.

Aval de Ferraz á estratexia de Leiceaga

Na mesma xornada da viraxe no grupo parlamentario Leiceaga recibía o seu primeiro aval público, alén dos parabéns do sábado, dende a dirección do PSOE. O secretario de organización federal dos socialistas, César Luena, achegouse a Santiago -na súa axenda figura tamén un acto en Vigo- para reunirse con quen definiu como "futuro presidente de Galicia" e apoiar a súa estratexia, tamén no que atinxe ao establecemento de posibles acordos coas mareas nun eventual escenario electoral no que Alberto Núñez Feijóo perda a maioría absoluta.

Luena: "A maioría votou a Leiceaga, iso é o que vale"

"O PSOE -di Luena- é o partido que máis demostrou que é quen de artellar diálogos" e por iso ve "normal" que, chegado o caso, Leiceaga procurase "dialogar" coas mareas para tentar a formación de Goberno. Este aliñamento con Leiceaga producíase poucas horas antes de atoparse en Vigo con quen Luena define como o seu "amigo" Abel Caballero. Neste escenario, o número dous de Pedro Sánchez lanza unha mensaxe: "A maioría votou a Xoaquín Fernández Leiceaga, e iso é o que vale".

Leiceaga, Luena e Cancela, na sede do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.