Causa Galiza chama a celebrar "un Día da Patria unitario"

Acto público de Causa Galiza © Causa Galiza

Unha convocatoria "única por parte de todos os sectores sociais, sindicais e políticos que se definen soberanistas e independentistas". É a proposta que Causa Galiza vén de lanzar de cara ao vindeiro 25 de xullo. A plataforma independentista "renuncia, motu propio, a convocar a súa propia manifestación", como viña facendo dende 2007 e aposta por que "todos os sectores implicados nesta iniciativa" logren chegar "un formato común de convocatoria", encamiñada a "posibilitar que as soberanistas e independentistas galegas poidan mobilizarse baixo unha única bandeira".

"Ante o próximo Día da Patria" a portavoz nacional de Causa Galiza, Lupe Bouzón, explica que a plataforma desexa "trasladarlle á sociedade galega" a necesidade "dun novo marco democrático de soberanía política para Galiza", "alén de denunciar a insuficiencia do marco autonómico para defender os intereses da nación e da maioría social. "Valoramos que para os sectores que defendemos Galiza, para a esquerda real deste país, o dilema, a grandes trazos, continúa a ser un dilema clásico" entre "soberanía nacional ou integración en España". "En todas estas disxuntivas escollemos independencia, autodeterminación, autoorganización e loita", din, "porque só o combate diario e a construción a longo prazo dun poder político nacional", con "plena capacidade operativa, sen imposición nos corsés legais", pode "ser eficaz para combater o capitalismo salvaxe, para recuperarmos a dignidade colectiva e para protexer o noso territorio e a nosa lingua da depredación", proclama.

Para Causa Galiza este cambio de rumbo político para o país é máis urxente "hoxe, cando os propios deseñadores do réxime autonómico inician a súa deconstrución" no marco da crise económica, con accións como a "decapitación dos poderes financeiros territoriais para concentraren aínda máis o capital". "Confesarse ou comportarse como autonomista, defender este ou calquera outro Estatuto que encaixe dentro do corsé constitucional, é simplemente posicionarse contra os intereses da Galiza como nación", coidan. Na súa opinión nos últimos meses "atopámonos nun panorama confuso para moitos en que escisións, fusións e novas alianzas reconfiguran as vellas lindes que demarcaban proxectos e campos políticos e ideolóxicos" do nacionalismo galego e "florecen os partidos de ocasión e os xiros soberanistas" sen que, ao seu xuízo, "se materialicen en prácticas rupturistas reais", senón máis ben en "galeguismos epidérmicos, baleiros de contido e carentes da necesaria reflexión", cunhas "présas electorais" que "debilitan".

 

Acto público de Causa Galiza © Causa Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.