Mareas en Común apela os partidos a confluír nas galegas: "podemos superar o PP"

Xuntanza das Mareas en Común en Pontevedra © Mareas en Común

A Marea Alta, fase final da construción do proceso de confluencia que as Mareas en Común pretenden para as eleccións autonómicas, consensuou este domingo en Pontevedra a fórmula de primarias, o código ético, a forma de goberno e a organización interna. As propostas, que deberán ser logo aprobadas polas case 1.200 persoas implicadas no proceso a través do seu censo, supoñen un paso máis e, segundo advirten, cun resultado "satisfactorio" pola "capacidade de entendemento e consenso". 

Mareas en Común consensuaron a fórmula de primarias, o código ético, a forma de goberno e a organización interna

A iniciativa das mareas municipalistas abre agora un pequeno "paréntese" nas xuntanzas até despois das eleccións xerais e volverase reunir o 9 de xullo. Os seguintes pasos e inmediatos serán a construción do programa participativo e establecer o proceso de primarias. No primeiro caso, comezarán axiña os contactos con colectivos e asociacións e coas formacións políticas para que acheguen as súas propostas e, principalmente, para coñecer de primeira man a súa postura ante esta ampla confluencia que se prevé para as autonómicas. 

"A clave é a súa resposta; este é un proceso de confluencia e nós queremos acadala pero se as formacións políticas non están interesadas, esa confluencia non existe", explica Santiago Lamelo, un dos voceiros de Mareas en Común, que explica os obxectivos inmediatos da iniciativa. "Temos que convencer os partidos de que o proceso non xorde para facer competencia nin para meter outro axente, senón para facer En Marea un proceso máis participativo no que non se decida todo por tres partes; o mellor xeito de chegar a Xunta é con máis garantías e máis ilusión que cunha coalición", di. 

"A clave é a resposta dos partidos; se eles non están interesados na confluencia, a confluencia non existe"

De feito, desde Mareas en Común dinse convencidos de que, de lograr unha confluencia ampla, máis participativa e aberta, a posibilidade de superar o PP é posible. "Non é unha sobrada, crémolo sinceramente", advirten. "As enquisas xa nos poñen nunha situación de proximidade, pero tamén hai inquéritos que falan do desinterese na política dunha maioría da sociedade... É aí onde temos que xerar un proceso que anime a xente a participar, a decidir o seu programa e a implicarse; iso fomenta a ilusión e a participación e será nese momento cando poidamos desbordar o Partido Popular", resume Santiago Lamelo, que pon como exemplo o acontecido nalgunhas localidades nas municipais. "Houbo resultados que ninguén esperaba que se basearon en procesos que lograron esa implicación", lembra. 

Para Mareas en Común, a clave está en que ese tipo de procesos "participativos, abertos e cidadáns" non suman senón que "multiplican". "Se isto sae ben e se dá a confluencia desexada con todos en pé de igualdade, estamos en condicións de disputar o primeiro posto ao PP nas eleccións autonómicas e de quedar primeiros", insiste. 

"Se sae ben e se dá a confluencia con todos en pé de igualdade, estamos en condicións de disputar o primeiro posto ao PP"

Antes, queda moito traballo. Os primeiros pasos do programa participativo xa se están a dar para logo activar un proceso de primarias que prevé estar listo en setembro. Antes, aclaran, terán que ver que xente estaría disposta a presentarse e traballar neste espazo de confluencia que, confían, será mellor que os acadados até o de agora. 

 

Listas abertas paritarias e partido instrumental

Segundo aclaran as Mareas en Común nun comunicado, o modelo de primarias, ao que chegaron logo das oito propostas diferentes iniciais, "defende unha votación con listas abertas paritarias, na que o candidato á Xunta se elixiría por separado". Ademais, "ten en conta o equilibrio territorial e atópase aberto á participación de todas as persoas, organizacións, entidades e colectivos que queiran loitar polo cambio". 

O código ético, por outra banda, regula o comportamento dos cargos electos, para "garantir que os intereses individuais non pesen máis que os da maioría". "Fixa límites para o control do gasto, establece mecanismos de transparencia e rendición de contas, e bloquea as portas xiratorias, entre outras cuestións", aseguran. En canto á forma de goberno, acordaron defender "a creación dun partido instrumental, baseado na confluencia, paritario en toda a súa estrutura e horizontal no seu funcionamento, rematando co presidencialismo instaurado polo PP". 

O proceso aposta por un partido instrumental, "baseado na confluencia, paritario en toda a súa estrutura e horizontal no seu funcionamento"

Na xuntanza de Pontevedra deste domingo estiveron presentes máis dun cento de persoas "e desde o comezo do proceso foron máis de 500 as que participaron de xeito activo" no proceso de confluencia. No seu comunicado, insiste no propósito dun proceso de unidade popular "honesto, participativo e construído desde abaixo" que é o que "estará en condicións de gañar as eleccións autonómicas e recuperar as institucións galegas para a xente". "O acordo é posible, ten que selo nestes momento histórico no que chega ao seu fin a etapa de Núñez Feijóo e todo o que representa. A cidadanía esixe cambio, esixe confluencia. É o momento de estar a altura, con responsabilidade e xenerosidade", rematan. 

Representantes das Mareas en Común, en Pontevedra © Mareas en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.