CSIF pediu explicacións hai un mes pola privatización de Turismo e a Xunta cala

Nava Castro, nun acto da Xunta © Ana Varela

O sindicato CSIF vén de revelar que o pasado 13 de maio, hai preto dun mes, solicitou formalmente unha reunión coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para aclarar a incidencia que está a ter nos empregados públicos da axencia a progresiva privatización das súas funcións de promoción a mans do clúster de empresarios do sector. O sindicato “aínda está agardando resposta” e este luns, tras a publicación por este medio das distintas actividades que Turismo de Galicia está a privatizar, emitiu un comunicado no que denuncia “a deixación de funcións” da Xunta.

A Xunta aínda non atendeu ao CSIF pero si respondeu a este medio xustificando a "colaboración público-privada"

Segundo o sindicato, o “traspaso de funcións” da Axencia de Turismo de Galicia ao clúster “supón que este, que non ten capacidade nin persoal para desenvolvelas, as subcontrate directamente. É dicir, a Xunta perde o control directo das accións e da imaxe que impulsarán o turismo da comunidade, engade dous intermediarios máis na execución destas accións e sáltase a Lei de Racionalización do Sector Público, que limita a contratación de consultores externos cando os empregados públicos poidan desenvolver o traballo”.

Para o CSIF, os convenios directos que a axencia ten asinados co Clúster do Turismo, que á súa vez pode subcontratar por completo os traballos con terceiras empresas, supón “un atentado á competencia profesional dos empregados públicos e unha intromisión nas súas funcións, que parece ter como finalidade a privatización das potestades públicas para amortizar postos de traballo na Axencia, o que implicará a curto e medio prazo o conseguinte despido dos traballadores”. O CSIF tamén considera especialmente grave “que CIG, CCOO e UXT, membros do Consello de Turismo de Galicia, consentiran esta deixación de funcións e non manifestasen a súa oposición”.

O CSIF non obtivo aínda resposta á súa petición oficial a Nava Castro, pero unha responsable de comunicación do seu departamento si contestou a pasada semana ás preguntas ao respecto formuladas por Praza Pública asegurando, en contra do que reflicten os diversos convenios asinados co clúster, que non existe tal privatización senón unha "colaboración público-privada" co sector para atender mellor as súas necesidades.

Nava Castro, nun acto da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.