0 Gardados para despois

O Sergas envía un 'argumentario' ao seu persoal de Vigo no que reduce as críticas a "lendas urbanas"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


As críticas do persoal, organizado ou non en sindicatos e plataformas, son unha das principais preocupacións do Servizo Galego de Saúde na área sanitaria de Vigo dende a controvertida apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro. Así, como informou Praza.gal, a Xerencia de Xestión Integrada de Vigo veu combinando nos últimos meses o intento de mellorar a súa imaxe coa ameaza de sancións a quen difundise carteis, panfletos ou outro material crítico. Nesta liña, hai apenas catro días o persoal da área sanitaria recibiu un correo electrónico co que o xerente, Félix Rubial, tenta aplacar unha das frontes abertas, a do uso público e continuado do hospital Meixoeiro, que segundo a Xunta de Persoal e os sindicatos está parcialmente "pechado" e padece diversas deficiencias. A comunicación inclúe un 'argumentario' no que o cargo do Sergas reduce as críticas a "lendas urbanas".

Baixo o título "O hospital do Meixoeiro ten presente. O hospital do Meixoeiro ten futuro", Rubial explica que se dirixe ao persoal para "agradecer" o "esforzo" da "reordenación sanitaria na nosa área" e, ao tempo, "dar a coñecer" o contido dunha recente "xuntanza informativa" ao respecto. "Trátase de informar do papel fundamental do Meixoeiro na actual configuración da EOXI [Estrutura Organizativa de Xestión Integrada], especialmente" nas suas "áreas estratéxicas", caso por exemplo das listas de espera. 

Os documentos remitidos por Rubial ao persoal céntranse no "futuro" do Meixoeiro e distingue as "lendas urbanas" entre "falsas" e "totalmente falsas"

Xunto ao texto o xerente achega dous documentos, un en clave descritiva sobre o "papel fundamental" do Meixoeiro na "reordenación" do Complexo Hospitalario de Vigo e outro, no que resume "as verdades do Meixoeiro" en contraposición co que denomina "lendas urbanas", nas que distingue dúas categorías, as "falsas" e as "totalmente falsas". Nese eido lendario entra, por exemplo, que o Meixoeiro vaia pechar, algo "totalmente falso". Non en van, din, os recentes "investimentos tecnolóxicos" e "obras" non fai máis que "reforzar" o seu papel. Igualmente "lenda" é que se vaia "privatizar": "Nunca se prantexou nin se ten prantexado nin se prantexará". Os seus servizos, indica, son "integramente públicos", fronte ao persoal que censura que os servizos "non clínicos" están encomendados á empresa privada concesionaria do Cunqueiro.

Sobre a sanidade privada xira outras das "lendas" descritas pola xerencia, que "hai moitas derivacións" á mesma. É "falso" porque "dende a reordenación integral da atención hospitalaria en Vigo a cifra de derivacións tense reducido a mínimos históricos". Segundo ese documento, de xaneiro a abril "foron 5 os pacientes trasladados dende urxencias", di, se ben as críticas sindicais se refiren tamén a derivacións de cirurxías ou probas, abeiradas na lei de garantías sanitarias para garantir tempos máximos de espera. 

A xerencia do CHUVI nega que haxa "moitas" derivacións de doentes á privada e asegura que "a sanidade pública viguesa" xa "deixou atrás o déficit crónico de camas"

Ligado coas derivacións están outra das críticas que, segundo o Sergas, é "totalmente falsa", a falta de camas hospitalarias. "A sanidade pública viguesa -di o documento- ten deixado atrás o déficit crónico de camas hospitalarias que tantos transtornos provocaba". O Cunqueiro e o Meixoeiro teñen unha boa dotación e unha "enorme potencialidade de crecemento" que "permiten asumir situacións de sobrecarga en calquera momento do ano" e, asegura, así se "demostrou" durante o pasado inverno. No entanto, o pasado abril o propio Sergas admitiu que no Cunqueiro tivera que desdobrar cuartos -converter en dobres cuartos individuais- tras esgotarse as previstas.

A inexistencia dunha "unidade de críticos" é a última "lenda urbana" dun documento a cuxo carón, noutro escrito de seis páxinas, o Sergas lle explica ao persoal a "ampla e moderna carteira de servizos" do Meixoeiro, a asúa "importante dotación tecnolóxica" ou o seu "ambicioso plan de redución de listas de espera". "Nada máis e nada menos que dous terzos da actividade cirúrxica do CHUVI faise en Meixoeiro", subliña, para concluír que "por todo isot, reivindicamos o papel estratéxico" do centro "e destacamos as capacidades do seu persoal, amplamente demostrada no pasado, e as súas características estruturais e de equipamento".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Cunqueiro segue a enviar a Povisa parte do material cirúrxico que precisa esterilizar

A suspensión de operacións cirúrxicas por falta de material correctamente esterilizado foi un dos incidentes máis recorrentes na estrea do Hospital Álvaro Cunqueiro, toda vez que as intervencións no hospital de Beade comezaron cun sistema segundo o cal o instrumental era trasladado ao vello xeral para ser lavado, ao Meixoeiro para ser esterilizado e despois, volvía ao novo centro. Dende o pasado 11 de maio está en marcha a nova central de esterilización do CHUVI, situada no Meixoeiro pero, no entanto, nos últimos días parte do material cirúrxico do Cunqueiro está a ser enviado ao hospital privado POVISA.

Segundo puido saber Praza.gal, nos últimos días permanecían nas instalacións do Cunqueiro notas informativas advertindo da necesidade de remitir a POVISA "o material de cirurxía programada que non se vaia precisar para a cirurxía de urxencia". Estes envíos realízanse ás nove da noite e os instrumentos xa esterilizados regresan ao novo hospital ás sete e media da mañá. Mentres, outros materiais, como os empregados en urxencias, xa son enviados ao Meixoeiro.

Notas informativas indican ao persoal do Cunqueiro que debe enviar a POVISA o material de cirurxía programada

Estes envíos, confirmados a este diario por persoal do propio hospital, foron censurados dende o sindicato CIG-Saúde, que considera "lamentable" que "tendo unha central de esterilización pública, acreditada e con profesionais competentes, nos vexamos dende que se iniciou o traslado ao novo hospital con continuos problemas co material, que ocasionan reiteradas suspensións de intervencións".

"A falta absoluta de previsión da xerencia", indica o sindicato, "ocasionou que a central de esterilización antiga, que funcionaba, deixase de facelo antes de ter montada e en pleno funcionamento a nova", cuxo persoal aínda está a formarse, segundo admite o Sergas. O persoal "coas dúas centrais funcionando a medios e con evidentes problemas para optimizar o funcionamento da nova é insuficiente para sacar o traballo adiante", advirten, e isto provoca que "metade do plantel se atope en situación de baixa laboral pola presión á que está sometida".

"Metade do plantel de esterilización está de baixa pola presión á que está sometida"

Fronte a estas críticas, os documentos remitidos pola xerencia ao conxunto do persoal céntranse, entre outros aspectos, en lanzar gabanzas cara á central de esterilización instalada no Meixoeiro. "Mención especial merece a nova central de esterilización, unha das mellor dotadas de todo o Estado que, en consonancia coa actividade cirúrxica que se desenvolve no centro, incorpora os mellores equipos e o mellor sistema de trazabilidade", di.