A Xunta admite irregularidades no pazo de Mario Conde e obriga a devolver a axuda da súa rehabilitación

Interior do pazo, nunha imaxe dun portal turístico © hotelsearch.com

Mario Conde pode saír do carcere baixo fianza de 300.000 euros. O ex-banqueiro e ex-candidato ao Parlamento de Galicia polo partido Sociedad Civil y Democracia leva na cadea dende abril por, presuntamente, branquear ata 13 millóns de euros procedentes do saqueo de Banesto. Na xornada da súa detención un dos escenarios dos rexistros policiais ordenados polo xuíz Santiago Pedraz foi a Casa Grande da Cerca, o pazo no concello ourensán da Mezquita que Conde convertera no seu retiro rural e que, como relatou Praza.gal, dera en ligar a antiga estrela das finanzas coa familia Baltar. Ata hai dous anos esa vivenda foi promocionada como casa de turismo rural dende a Xunta, que vén de admitir irregularidades na xestión do complexo e a esixencia de devolución da subvención coa que foi rehabilitado a principios de século.

Tras a detención de Conde o PSdeG presentou no Parlamento unha pregunta na que instaba á Xunta a aclarar as irregularidades no uso do pazo tras a súa rehabilitación, financiada parcialmente cunha subvención autonómica procedente, á súa vez, de fondos europeos. A axuda para esta fin, como informou este diario, fóralle concedida a Gabriel Caldelas, o daquela propietario da casa, antigo home forte do PP nese Concello e, dende 2007, sogro de José Manuel Baltar tras a voda do barón popular coa súa filla, celebrada, precisamente, na Casa Grande da Cerca. No entanto, indicaban os socialistas, en 2009 "o señor Mario Conde incorporou o pazo ao seu patrimonio" e o recinto, de 400 metros cadrados deixou, de facto, de acoller reservas de turismo rural malia existir, en virtude da subvención, a obriga de manter o establecemento aberto ao público ata o ano 2015.

Gabriel Caldelas, sogro de Baltar, recibiu 120.000 euros da Xunta de Fraga para rehabilitar o pazo

A resposta á pregunta formulada á Axencia Turismo de Galicia, herdeira das competencias da Secretaría xeral de Turismo, entrou no rexistro do Parlamento este luns, 13 de xuño. Nela a Xunta ratifica que, efectivamente, a antiga Consellería de Innovación de Industria concedeu ao abeiro dunha orde de 1998, en tempos de Fraga, unha subvención "por importe de 20 millóns de pesetas", 120.000 euros, para a rehabilitación do pazo e a apertura nel da devandita Casa Grande, para destinala a turismo rural.

En 2013 Conde levaba catro anos dispoñendo do pazo e no sector do turismo rural crecían os receos cara á casa que nunca estaba dispoñible. A explicación oficial de Caldelas foi, en declaracións a Faro de Vigo, que lla alugara a Barnacla S.L., unha empresa de Conde que, dicía Caldelas, arrendaba habitacións aos seus propios empregados. Segundo a información publicada daquela polo xornal vigués, a operación consistía nun aluguer con opción a compra que convertería a Conde en propietario da casa en 2015. Precisamente cando expiraba a obriga de tela aberta ao público.

Mentres Conde utilizaba o pazo como vivenda Turgalicia seguíao ofertando como casa rural, pero nunca estaba dispoñible

No auto de prisión ditado do pasado abril o xuíz Pedraz cita Barnacla como unha empresa "pantalla" empregada por Conde para "traer de volta a España diñeiro de orixe ilícita" e, ao mesmo tempo, para "o pago de gastos e nóminas estritamente persoais". Entre eles o maxistrado detecta diversos pagamentos entre 2009 e 2013 "por importe total de 422.600 euros" a Casa Grande A Cerca S.L. e ao propio Gabriel Caldelas en concepto de "aluguer e outros gastos". Indica ademais a existencia de pagos de case 300.000 euros entre 2010 e 2014 a outra empersa, Construciones del Bal, con sede na mesma parroquia da Mezquita e que, segundo Pedraz, "poderían estar relacionados con algunha reforma" na casa.

Inspección e sanción

Turismo admite que en 2013 comprobou a "inactividade" da casa e iniciou o proceso para o "reintegro da subvención"

Foi en 2013 cando unha inspección de Turismo "comprobou" a "inactividade" da Casa Grande A Cerca. En marzo, indica Turismo, foi cancelada a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, aínda que seguiu sendo anunciada por Turgalicia ata finais de 2014-. En xuño sancionouse ao titular do establecemento" por "infracción administrativa grave en materia de turismo", sanción que foi ratificada polos xulgados do contencioso-administrativo de Ourense.

Sempre segundo o documento da Xunta, no propio xuño de 2013 "notificou a obriga de proceder ao reintegro da subvención", pero "o interesado formulou alegacións" e nelas comunicou que iniciara un proceso contencioso-administrativo para tentar revogar a cancelación da súa inscrición no rexistro de empresas turísticas e, por tanto, reclamou non ter que devolver o diñeiro ata que "resultase firme a vía contenciosa". Os procesos xudiciais finalizaron na primavera de 2014 e Turismo emprendeu "un expediente de reintegro da subvención que é firme nestes momentos". A devolución "debe ser realizada entre 2015 e 2019", conclúe o escrito do Goberno galego, no que non especifica a persoa ou empresa á que se refire ao falar de "o interesado".

Interior do pazo, nunha imaxe dun portal turístico © hotelsearch.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.