O ensino foi a área máis prexudicada polos recortes de persoal na Xunta durante a crise

Oposicións do Sergas no recinto feiral de Silleda, en xaneiro de 2016 © Xunta

A comezos de 2007, no que se considera último ano antes do inicio da crise económica, traballaban na Xunta un total de 82.381 persoas, segundo datos da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, que non inclúe persoal en prácticas, laborais con contratos de menos de seis meses ou os cadros dalgunhas entidades públicas. Daquel plantel, 35.852 mulleres e homes eran docentes do ensino público non universitario e 28.322 traballaban no Servizo Galego de Saúde, mentres que 15.787 tiñan os seus postos nas consellerías e os seus organismos autónomos e as 2.420 restantes, na xustiza. Estas cifras seguiron aumentando varios semestres máis -esa é a periodicidade da información-, ata que as medidas de "austeridade" se traduciron en sucesivas tesoiradas nas que, segundo os datos oficiais, o ensino público foi o máis prexudicado.

O ensino non universitario perdeu 1.200 docentes dende 2009

O datos máis recentes, feitos públicos este 15 de xuño polo ministerio de Facenda, indican que entre comezos de 2009 e o inicio de 2016 os centros escolares galegos perderon 1.200 docentes. Tamén perdeu efectivos de forma notable a sanidade pública, ata 1.022, pero existe unha diferenza que non é menor entre ambos servizos públicos: durante 2015 o Servizo Galego de Saúde remontou levemente no seu cadro de persoal, mentres que na educación seguiu baixando. Así, mentres que a comezos deste ano traballaban no Sergas 726 persoas máis que un ano antes e 313 máis que a mediados do ano pasado, a redución na educación foi de 69 docentes nun ano e de 79 en seis meses.

Á espera de que as oposicións de educación que comezan este 21 de xuño poidan comezar a equilibrar a balanza -están convocadas 1.112 prazas, das que 500 son de mestres e 478 de secundaria-, a mestura de recortes orzamentarios e de taxas de reposición -substitucións por xubilacións- limitadas pola normativa estatal amosan un panorama no que a Administración autonómica chegou a perder case 3.200 efectivos entre 2009 e 2015. Deles, máis de 2.000 eran docentes ou persoal sanitario.

Á espera das oposicións que comezan este 21 de xuño, a cifra de docentes é a menor dende o inicio da crise

Na educación os recortes non comezaron ata 2010, cando o corpo docente chegou a contar con algo máis de 35.600 profesionais. Nese ano comezou unha curva descendente que por veces foi amortecida pero que a comezos de 2016 aínda non remontara de vez. Non en van, os 33.063 docentes rexistrados por Administracións Públicas a comezos deste ano -polo tanto, antes das oposicións- son a cifra máis baixa dende o inicio da crise. Este cálculo non inclúe os datos do primeiro semestre de 2014 que, segundo manifestara daquela Alberto Núñez Feijóo, incluían un erro de cálculo.

No eido sanitario, no entanto, os tres últimos semestres foron de lixeiros incrementos. O recorte de persoal no Sergas estendeuse, segundo os datos de Administracións Públicas, dende 2011 e ata 2014, período no que o número de profesionais sanitarios pasou de case 35.000 a algo menos de 32.000. Perdéronse, daquela, máis de 1.600 efectivos dos que, no último ano e medio, se recuperaron uns 600. O balance, polo tanto, segue a ser negativo a respecto do ano 2009.

Na Xunta traballaban a comezos de 2016 case 86.500 persoas, 2.800 menos que no inicio de 2009

Alén dos dous grandes servizos públicos fundamentais, que aglutinan o maior cadro de persoal ao servizo da Administración galega, as fluctuacións no resto do plantel da Xunta foron de menor relevancia. Nas consellerías e os seus organismos autónomos a cifra de persoal máis avultada deste período rexistrouse a comezos de 2013, con 17.011 persoas, e a máis baixa é a de comezos deste ano, ficando por primeira vez por baixo de 16.000 persoas, 419 menos que en 2009 e 2166 menos que un ano antes.

Na Xustiza a variación de persoal no último ano non existiu e, a respecto de 2009, o recorte foi de 159 persoas. Todas as subas e baixadas dan lugar a un cadro xeral no que o persoal ao servizo da Xunta iniciou 2016 composto por 86.499 persoas, 391 máis que doce meses antes pero 2.900 menos que a comezos de 2009.

Aula nun centro educativo galego CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.