O PP axita o medo aos "radicais" e á "imposición da lingua" no principal debate galego cara ao 26X

As candidatas e candidato, coa condutora do debate, Susana López, e a directora de informativos da TVG © TVG

No ano 2009 o PPdeG retornou á Xunta alertando, en verbas de Alberto Núñez Feijóo, dun "conflito lingüístico sen precedentes". Tras participar en campaña nunha manifestación contraria ás medidas de normalización lingüística -á que tamén acudiran representantes políticos como Rosa Díez ou Albert Rivera-, os populares tomaran posesión afirmando dende a Consellería de Educación que o galego era maioritario nas aulas aínda que, como revelou Praza.gal en 2012, o propio goberno manexaba datos que indicaban todo o contrario. Sete anos e moitos avatares despois o PPdeG vén de axitar o medo a unha suposta "imposición da lingua" para, xunto cunha alerta a respecto dos "radicais de esquerda", apelar ao "voto moderado" no principal debate galego cara ao 26 de xuño, no que as forzas distintas dos populares se erixiron en garantía de cambio de Goberno.

A TVG convocou este mércores no seu programa Área Pública a representantes de PP, En Marea, PSdeG, BNG e Ciudadanos para, en pouco máis dunha hora, expoñeren as súas alternativas cara á cita coas urnas. Tras un comezo con escaso ritmo no que a socialista Pilar Cancela e mais o nacionalista Carlos Callón lamentaron tanto a duración como horario do faladoiro que, din, debera ser emitdo "nun horario no que o poida ver todo o mundo", o primeiro tirapuxa chegou entre Callón e a conservadora Paula Prado, quen convidou o cabeza de lista do Bloque pola Coruña a ir alén do "telón de grelos". "O mundo tamén é España, hai mundo fóra de Galicia", ironizou tras lamentar Callón a "precariedade e emigración" da mocidade.

A xuízo da popular a que considera falta de "propostas" do aspirante nacionalista débese a que o BNG e o nacionalismo en si mesmo está "morto", e entre as causas desa "exinción" está, afirma, que no período do bipartito na Xunta "obrigaban nas escolas a que se falase o galego". O argumento, lanzado na área temática de políticas públicas, regresou pola banda de Prado na quenda para abordar o modelo de Estado. "Na época do bipartito tanto quixeron impoñer a lingua que a xente deixou de confiar neles". "Apostamos pola unidade do Estado e pola unidade territorial", culminou tras lamentar Callón que a candidata a recuncar como senadora "diga non sei que da imposición" e subliñar que o BNG, sen representación nas Cortes, presentou "tantas propostas como todos os deputados do PP" no Congreso en cinco meses, isto é, ningunha.

Propostas e posibles pactos

A cuestión lingüística e territorial foi esgrimida por Prado como base para apelar ao seu electorado, pero tamén ao de Ciudadanos e mesmo ao "voto moderado do PSOE". "O único partido que nesta mesa garante quenon vai pactar en ningún caso con Podemos" é o PP, afirma. Todos os votos que non teñan como destino facer presidente a Mariano Rajoy, agregou, poden acabar investindo a un "goberno de radicais de esquerda".

A respecto de pactos falaron tamén tanto a número un de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, como a socialista Cancela. "Estamos construíndo un proxecto de cooperación de unidade popular" que, afirma Fernández, foi quen de "poñer en marcha o proceso de derrota de Feijóo o 26 de xuño, que será a derrota de Feijóo nas próximas eleccións autonómicas". E por iso, asegura, o espazo das mareas "tende a man" ao PSdeG-PSOE. Non se trata, admite, de aplicar o "programa de máximos" de En Marea ou de Unidos Podemos, senón dun "programa socialdemócrata" que reverta as "tesoiradas" do PP e, "a medio prazo", propicie un "proceso constituínte onde os pobos poidan decidilo todo", a comezar por unha "reconfiguración do Estado".

Coa principal discrepancia entre ambas sobre o fracaso das conversas para formar goberno, Cancela optón polo ton conciliador. "Non imos discutir, que se cadra temos que sentarnos dentro de pouco", ironizou a candidata do PSdeG pola Coruña, quen expresa a súa vocación de "ser alternativa ao PP" e por iso, asegura, "non imos facilitar un goberno do PP, nin por activa nin por pasiva".

Os sectores lácteo e naval, a educación ou a necesidade dun novo financiamento autonómico foron outros dos elementos dun rápido debate no que as intervencións máis fugaces foron as de María Rey, concelleira e candidata de Ciudadanos por Pontevedra que, no seu minuto final, convidou a audiencia a elixir entre os que, ao seu xuízo, son os dous modelos a escoller o 26-X: "rupturismo ou Ciudadanos". "Precisamos un proxecto serio, consenso e diálogo", afirma, erixindo o proxecto de Albert Rivera en garantía de "sentido común" e de éxito para "os heroes anónimos que levantan a nosa terra".

Paula Prado (PP) © TVG
Alexandra Fernández (En Marea) © TVG
Pilar Cancela (PSdeG) © TVG
Carlos Callón (BNG) Dominio Público TVG
María Rey (Ciudadanos) © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.