As candidaturas municipalistas recuperan o protagonismo na campaña de En Marea

Representates das mareas da Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra, Madrid e Val do Dubra acompañaron os e as candidatas © En Marea

Os representantes das mareas municipalistas (especialmente os alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol) tiveron unha participación moi activa na campaña de En Marea para as eleccións do 20 de decembro. Na presente campaña, no entanto, a súa presenza está sendo moito menos frecuente. No mitin celebrado este sábado pola tarde en Pontevedra semella que iso está comezando a cambiar. O rexedor coruñés Xulio Ferreiro, o concelleiro de Ahora Madrid Guillermo Zapata e representantes de Compostela Aberta, Ourense en Común e Marea Pontevedra acompañaron os e as candidatas no mitin celebrado en Pontevedra, no que reividicaron "as políticas para a xente dos concellos do cambio".

O voceiro da Marea de Pontevedra, Luís Rei, deulles a benvida á cidade e comezou a intervención destacando a “selección plurinacional que lles vai gañar o partido aos da Gurtel. O desempate non se vai xogar no seu campo, senón na república independente das nosas casas e das nosas prazas. A xente probou este ano as mareas, os gobernos para as maiorías e xa non vai pasar por menos”.

Xulio Ferreiro: "Temos que poñer sobre a mesa que hai outra forma de gobernar. Que as políticas urbanísticas dunha cidade poden poñerse ao servizo das persoas. E demostramos que isto se podía facer"

Pola súa banda, Ángela Rodríguez, número 2 da candidatura pontevedresa, deu as grazas a todos estes apoios “porque nos querían en soedade e téñennos en común e merecémolo”. “Este 26 de xuño temos a oportunidade de demostrar a nosa forza. E temos moitas cousas a favor. Coñecemos os nosos equipos, non somos inexpertos", destacou. "Temos que parabenizarnos e sorrir. É o noso tempo. É o tempo da xente. Así que saimos a gañar e a facer outro país”, concluíu.

Pola súa banda, Xulio Ferreiro salientou que “todas as cidades somos irmás, por máis que se empeñen en enfrontarnos”. "Temos que poñer sobre a mesa que hai outra forma de gobernar. Que as políticas urbanísticas dunha cidade  poden poñerse ao servizo das persoas. E demostramos que isto se podía facer", subliñou. "Aí estamos, librando grandes batallas dede o municipalismo, na Coruña, en Santiago, en Ferrol… Estamos poñendo en xaque as leis Montoro. Toda esta experiencia hai que poñelo en valor e mirar cara o futuro", dixo, e advertiu de que "iso farémolo sempre e cando non nos confundamos de inimigo, todos xuntos e xuntas". Ferreiro afirmou que "non me cabe ningunha dúbida de que imos ter un presidente con coletas que se chama Pablo Iglesias. E en outubro gañaremos a Xunta".

Guillermo Zapata: "A Renda Básica que aprobaron na Coruña e Santiago é unha medida revolucionaria. Cada vez que xeramos un novo dereito xeramos un novo desborde cidadán"

Mentres, Guillermo Zapata comezou dicindo que “o municipalismo é o lugar da proximidade e é na rúa onde aprendemos a facer política" e salientou que "a Renda Básica que aprobaron na Coruña e Santiago é unha medida revolucionaria. Cada vez que xeramos un novo dereito xeramos un novo desborde cidadán", facendo fincapé tamén en que "o concello de Madrid vén de reducir a débeda cando parecía imposible e aumentando ao mesmo tempo os investimentos en servizos sociais".

Ledicia Piñeiro, concelleira de Ourense en Común, reivindicou o espírito dos concellos de cambio. E o concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte dixo "non temos que pensar no sorpasso, temos que pensar en gañar as eleccións". No acto tamén interviron Josué Villar (número tres da candidatura ao Congreso) e Vanessa Angustia, candidata ao Senado.

Representates das mareas da Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra, Madrid e Val do Dubra acompañaron os e as candidatas © En Marea
Outra imaxe do acto © Marea Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.