Feijóo e Baltar danlle ao PP 2 dos 14 deputados que recupera en toda España

Feijóo, con Baltar e outros dirixentes nun paseo electoral en Xinzo © PP Ourense

O penúltimo día de campaña o presidente Feijóo pediulle aos votantes que en 2011 elixiran o PP que esqueceran agora o seus erros e volvesen optar polos populares. O presidente asumía que parte deles marcharan en decembro a Ciudadanos, e a eles apelou especialmente durante toda a campaña facéndolles ver non o que Rajoy podía ofrecerlles senón o que el mesmo está a facer na Xunta, iniciando así a súa propia precampaña cara as autonómicas do outono. Á vista dos resultados, a súa estratexia tivo éxito. Dos 14 escanos que remontou o PP en todo o Estado con respecto a decembro, dous obtívoos en Galicia: na Coruña, a conta da perda por Ciudadanos do único que tiña, e en Ourense, onde as sucesivas causas xudiciais que veñen afectando aos Baltar non parecen ter afectado ao seu electorado.

O PP obtén en galicia o 41,5 % dos votos, oito puntos e medio máis que a media estatal, sube en votos totais e acada a maioría absoluta de escanos

Se Feijóo xa viña presumindo de ter a única maioría absoluta de todas as comunidades autónomas, os resultados das xerais deixan o PP galego cunha porcentaxe de voto do 41,5 %, oito puntos e medio máis que a media estatal do partido, e cunha suba con respecto a decembro de preto de cinco puntos. Malia a caída da participación, o PP galego mellora os seus resultados tamén nos votos totais, con máis de 640.000, 30.000 máis que en decembro. Uns resultados que se achegan moito aos que Feijóo obtivo nas autonómicas de 2012 (661.000 votos, 45,8% do total). Os 12 deputados acadados polo PP en Galicia supoñen ademais que Feijóo obtén agora o resultado que el mesmo se marcaba como obxectivo en decembro, a maioría absoluta de escanos.

O PP obtivo peor resultado en decembro cando Baltar fillo só estaba denunciado por unha muller por ofrecer traballo por sexo que agora que están imputados tanto el como o seu pai

En Ourense é Ana Belén Vázquez Blanco quen recupera para o PP o escano que xa ocupara desde 2000 ata o pasado xaneiro. E faino grazas a que o PP volve acaparar xusto a metade de todos os votos emitidos na provincia, cinco puntos porcentuais máis que en decembro, un resultado que obvia as sucesivas causas xudiciais que veñen afectando aos Baltar. Isto é, o PP obtivo peores resultados en Ourense en decembro cando sobre o presidente provincial e da Deputación, José Manuel Baltar, pesaba só a denuncia dunha muller que o acusaba de ofrecerlle emprego a cambio de sexo, que agora que aquela denuncia vén de converterse en imputación por parte dunha xuíza non só sobre el senón tamén sobre o seu pai.

Ciudadanos non logra reeditar o escano pola Coruña que obtivo en decembro e cae en toda Galicia ao 8,6% dos votos totais, fronte ao 13% da súa media estatal

Pola súa banda, na Coruña o escano que gaña o PP permitirá a entrada no Congreso da voceira popular no Concello de Oleiros, Tristana Moraleja. Farao a custa do único deputado que tiña Ciudadanos en toda Galicia, logrado en decembro por Antonio Rodríguez pero ao que agora aspiraba José Canedo, antigo candidato de UPyD á Xunta en 2012 ao que a dirección do partido impuxo fronte ao anterior cabeza de cartel tan só dous meses antes dos comicios. Os preto de 60.000 votos que conseguiu fóronlle insuficientes malia supor o 9,3% do total, o mellor resultado da formación laranxa en toda Galicia, onde ronda de media o 8,6%, cunha perda de medio punto con respecto a decembro e moi por baixo do 13% obtivo pola formación a nivel estatal.

Preguntado este domingo por se os resultados destas xerais son extrapolables ás autonómicas, o presidente galego asegurou que “todas as eleccións son diferentes”, pero deixou entrever a súa satisfacción argumentando que o veredicto das urnas outórgalles “unha confianza crecente en favor das propostas do PP de Galicia. Renovación e autocrítica son, para Feijóo, os motivos do seu éxito electoral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.