En Marea fronte a En Marea cara ás eleccións galegas

Os cargos electos de En Marea, este luns en Santiago CC-BY-SA En Marea

O espazo político que actualmente representa En Marea tivo este domingo a súa primeira noite electoral triste sen matices. Dende o nacemento de Alternativa Galega de Esquerda, en 2012, as forzas aglutinadas en torno ao agora popularmente coñecido como "mareas" sempre tiveran razóns de celebración tras cada comicio, moi especialmente despois das municipais e xerais do pasado ano. No entanto, a coalición de Podemos, Anova e Esquerda Unida rematou o 26X con 66.000 votos menos que o 20-D, unha caída de algo menos de tres puntos que ten o seu resultado máis tanxible na perda dun escano por Ourense, que recuperou o PP por unha diferenza de apenas 1.600 votos. Agora é o momento da "autocrítica", afirman quen veñen de revalidar os cinco escanos do Congreso, para tentar poñer a punto o que ata agora fora un exitoso artefacto electoral. A proba crucial das eleccións galegas será convocada en apenas dous meses.

Na propia noite electoral, e tamén na comparecencia ante os medios deste luns, deputadas e deputados e mais outros representantes de En Marea conxugaron verbos como "repensar", "abrir" ou "sumar". Fixérono tras medio ano no que, en máis dunha ocasión, as chamadas á "ilusión" ou ao "cambio" foron substituídas por tensións internas que chegaron, en vésperas da asemblea de mediados de maio, a amosar as costuras dunha unión resentida por motivos diversos, dende as discrepancias no seo da súa coordinadora ata a imposibilidade de lograr o augurado grupo propio no Congreso, así como diferenzas sobre a relación entre os socios e a destes coas mareas municipais que veñen impulsando o proceso das Mareas en Común.

Por todo isto, admite o deputado reelecto como número un pola Coruña, Antón Gómez-Reino, este é o momento da "autocrítica" para seren quen de "sumar". Uns resultados que en decembro serían bos, veñen dicir, son agora insatisfactorios. Porque non é o mesmo pasar de 0 a 5 que de 6 a seis, e porque 344.000 votos semellan escasos uns poucos meses despois de lograr 410.000. As causas do descenso son múltiples e cómpre avaliar "todos os datos" para "reflexionar", di a deputada Alexandra Fernández. O reto, afirman, é malia á baixada o mesmo que antes deste domingo: lograren encabezar o "cambio" nas eleccións galegas, aseguran.

"Hai que rebaixar o nivel de ruído e empezar a traballar"

Entre os elementos que figurarán nesa reflexión estarán os retrocesos electorais nas cidades gobernadas polas mareas, e así o admitiron tamén este luns os alcaldes da Coruña e Santiago, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, que case ao mesmo tempo valoraban ante a prensa o veredito das urnas. O rexedor pola Marea Atlántica, plataforma que decidiu pedir o voto para En Marea pero sen integrarse na coalición, advirte de que o "toque de atención" do electorado chega tras semanas de "demasiado ruído" e de máis movementos en clave interna que cara á unha sociedade que, ao seu xuízo, reclama "abrir o espazo e prepararnos" para que nos comicios galegos haxa unha "oferta ilusionante" dende este espazo.

"Hai marxe para liderar un proxecto alternativo ao PP"

"Hai que retomar o camiño, rebaixar o nivel de ruído e empezar a traballar", di Ferreiro, en cuxa opinión o que non é unha alternativa é limitarse a "queixarse". Noriega, dende Santiago, tamén cre necesario superar a "frustración" duns resultados "non satisfactorios" para encarar a "oportunidade" das eleccións galegas. "Hai marxe para liderar un proxecto alternativo ao PP" e facelo, ademais, di, chegando a ter unha maior "sintonía" co PSdeG que a que puido chegar a existir entre Unidos Podemos e o PSOE. Os debates internos "non axudaron", pero "iso non abonda" para avaliar o acontecido, admite.

Noriega e Ferreiro, nun acto da campaña de En Marea CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.