Campos lamenta a marcha do BNG e subliña que "en Foz aprobou o orzamento co PP"

Campos (centro), na rolda conxunta con Candia e Martínez incluída no pacto dos orzamentos © Deputación de Lugo

Unha "sorpresa". Así define o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, a decisión do BNG de saír do seu goberno, formalizada este martes polos dous deputados provinciais da formación soberanista, Antonio Veiga e Xosé Ferreiro. O pacto do PSdeG co PP e mais co ex-socialista Manuel Martínez para sacar adiante os orzamentos de 2016, bloqueados inicialmente polos populares xunto a Martínez, foi o detonante no que o presidente lamenta que os nacionalistas non ponderasen a falta de alternativas e non tivesen, ademais, que o propio Bloque tamén aprobou, cando menos, uns orzamentos locais co PP.

"Non entendo a súa postura", di Campos. Segundo o socialista, os orzamentos finalmente aprobados "practicamente non variaron", na súa parte económica, aos que recibiran a aprobación inicial cos votos de PSdeG e BNG e que despois foron freados polo PP e mais Martínez. "Modificáronse as bases de execución, pero atendendo ás peticións de todos os grupos" e garantindo a "liberdade do goberno para executar o orzamento". O criterio, asegura, non foi outro que "o interese xeral", o mesmo que, coida, seguiu o Bloque en Foz "para aprobar o orzamento co PP" co pasado día 14.

O BNG lamenta o "pacto nauseabundo" con quen "tiveron a provincia paralizada"

A visión do BNG é, no entanto, ben diferente á de Campos. Tras formalizaren a súa renuncia aos postos no goberno e acompañados por Bieito Lobeira e Noa Presas, en representación da Executiva Nacional, Veiga e Ferreiro advertiron de que os orzamentos aprobados inclúen "as prebendas do PP, apoiadas polo PSOE e polo tránsfuga Manuel Martínez", os mesmos que mantiveron a provincia "paralizada" polos seus propios "intereses". "O BNG -di Veiga- non estivo na foto dos Azores que se produciu onte na Deputación -en referencia á rolda de prensa conxunta de Campos con Elena Candia e Martínez, cuxa celebración se recollía no texto do pacto- e non imos ser partícipes dunha política de chantaxes".

Campos resalta que a outra "alternativa" era un "orzamento imposto polo PP" e mais Martínez

Tras meses de "satisfacción polo traballo feito" que agora, di, finaliza por mor do que definen como un pacto "nauseabundo", Ferreiro advirte da diferenza da súa marcha coa saída protagonizada polo PP, cando tivo que abandonar o goberno o pasado outubro por mor da moción de censura. "Os papeis quedaron nas mesas e os ordenadores, acesos", resalta. "Nós -engade non formateamos nin pisoteamos os discos duros, como fixo o PP despois do seu paso polo goberno provincial".

O Bloque aclara que a ruptura en Lugo non afecta ás demais deputacións

Neste contexto, Darío Campos láiase do camiño escollido polos nacionalistas. El, pola súa banda, di, escolleu "a mellor opción" entre dúas posibles. "Só había dúas alternativas: un consenso con todos os grupos e co deputado non adscrito" ou, pola contra, a aprobación pouco despois "dun orzamento imposto polo PP, que contaría co apoio do deputado non adscrito, que non se axustaba á legalidade e que establecía unhas bases de execución que deixarían o goberno provincial sen marxe de manobra", resalta.

Alén da propia saída do goberno lucense -a imposibilidade legal dunha nova moción de censura garante que os socialistas poderán seguir á fronte ata a fin do mandato-, este martes abriuse a porta a que a crise en Lugo se estendese ás outras deputacións que gobernan PSdeG e BNG, toda vez que Lobeira advertiu de que, tras o sucedido, se dispuñan a "revisar" o acordo marco para observar se existía un cumprimento "estrito" do mesmo. Así e todo, poucas horas despois a vicepresidenta da Deputación coruñesa e tamén membro da Executiva do Bloque, Goretti Sanmartín, aclarou que os pactos coruñés e pontevedrés non están "en perigo", e resaltou o carácter "excepcional" do sucedido en Lugo.

Veiga, Ferreiro, Presas e Lobeira, este martes ante a Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.