Beiras aplaude o manifesto dos alcaldes porque "aposta pola unidade popular"

Beiras, nun acto de campaña CC-BY-SA En Marea

Continúan os movementos no espazo político das mareas en torno á conformación das candidaturas para as eleccións galegas e, nomeadamente, da elección da persoa que opte á Presidencia da Xunta por estas formacións. O líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, saíu este mércores ao paso do manifesto presentado presentado polos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol para chamaren á unidade e, ao tempo, apostaren por combinar a procura dunha figura "de consenso" para encabezar o proxecto coa celebración de primarias. Beiras "saúda" o "importante paso adiante" de Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez porque, di, afonda na "unidade popular".

Ante as interpretacións que situaron a intervención dos rexedores como un rexeitamento a unha eventual candidatura de Beiras, o portavoz nacional de Anova resalta que o manifesto "aposta, como vén facendo" a propia formación "dende 2012", por aunar forzar "como camiño para derrocar as nefastas políticas do PP". Por este motivo o veterano nacionalista di "esperar" que o convite de Ferreiro, Noriega e Suárez "amoree ao seu redor a todos os axentes necesarios" para "encetar o asalto da cidadanía do común a San Caetano".

O líder de Anova coida que a posición dos alcaldes supón "que sexan as mareas quen asuman o papel protagonista que cómpre"

A xuízo de Beiras "é moi de salientar" a intervención dos alcaldes porque, dende o seu punto de vista, supón que "sexan as mareas quen asuman desta volta o papel protagónico que cómpre que desenvolvan", ao contrario do sucedido nas eleccións xerais. "Son, sen dúbida, o mellor indicativo de que a cidadanía deixou por fin o papel de súbdita dun sistema aberrante para tomar a iniciativa e camiñar cara á súa mudanza radical", reflexiona Beiras, quen asegura que "nese camiño as mareas que fomos construíndo entre todos e todas terannos sempre ao seu carón"

Alexandra Fernández subliña que a "confluencia" nas galegas debe "ollarse no espello das mareas municipais"

Tamén dende a contorna de Anova se expresaba nun sentido semellante este mércores a deputada electa por En Marea Alexandra Fernández. Nunha entrevista en TVE Fernández coidou que a "confluencia" para as eleccións galegas debera "ollarse no espello das mareas municipalistas" e ir "un paso máis alá" do "acordo de partidos" entre Podemos, EU e Anova. "É imprescindible seguir sumando actores políticos non só a nivel partidario" e facelo nun espazo "flexible", abonda, nun contexto no que agarda que a candidatura á Presidencia poida ser elixida "canto antes".

Santos (Podemos) advirte de que a consulta á súa militancia sobre a confluencia "é ineludible"

Estas posicións e declaracións prodúcense mentres Podemos Galicia continúa coa rolda de consultas entre as bases do partido a respecto da posición a adoptar nas eleccións galegas. En declaracións á TVG a secretaria xeral da formación, Carmen Santos, asegurou valorar a proposta dos rexedores, se ben lembra que a celebración dunha votación entre "os inscritos" no partido a respecto da fórmula de concorrencia "é ineludible, porque xa o votaron como liña vermella".

Santos subliña igualmente que, no caso de que a militancia de Podemos volva apostar pola confluencia, reclamará a celebración de primarias abertas. "Queremos garantir a igualdade de oportunidades de calquera persoa que se queira presentar, que teña a mesma capacidade de poder presentarse, sexa de consenso, apoiado ou non apoiado", subliña. Mentres, ante a reclamación de membros do Consello Cidadán Galego de convocar unha xuntanza que fixe posición a prol da confluencia, Santos ínstaos "a explicarllo ás bases, porque o que importa é a súa voz".

Beiras, nun acto de campaña CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.