Un centro de saúde que parece todo un ministerio de Sanidade

O conselleiro de Sanidade, o presidente Feijóo e o alcalde de Santiago na inauguración do centro de saúde de Galeras Dominio Público Xunta de Galicia

O que se inaugurou na mañá deste luns en Santiago foi un centro de saúde, o quinto co que contará a cidade, prometido desde hai unha década. Pero a súa demora non impediu que, cando tomou a palabra, Feijóo falase como se estivese inaugurando non xa un hospital senón todo un ministerio. Lanzada xa a súa precampaña para as autonómicas do outono, o presidente fixo un balance de toda a súa xestión sanitaria, desde as obras ata a organización laboral do Sergas.

O centro de saúde inaugurado este luns, no barrio santiagués de Galeras, prometeuse aos veciños hai máis dunha década, logo de que en maio de 2003 deixase de funcionar definitivamente na zona o Hospital Xeral, parte de cuxo esqueleto aínda se levanta a poucos metros do novo ambulatorio. Pouco ou nada avanzou o proxecto durante o bipartito, ao igual que durante cinco dos sete anos que leva gobernando Feijóo. Tivo que ser a coincidencia dun goberno popular tanto na Xunta como en Santiago o que o desbloquease hai un par de anos, como lembrou este luns o propio presidente. Malia que no seu momento presentouse o centro de saúde como unha compensación ao barrio polo peche do vello hospital, Feijóo salientou que o novo ambulatorio “non substitúe” senón que se “suma” aos outros catro centros de saúde da cidade, con capacidade para atender ata 15.000 das 107.000 tarxetas sanitarias con que conta Santiago logo dun investimento de tres millóns de euros.

Feijóo fai balance de toda a súa xestión sanitaria na inauguración dun ambulatorio prometido hai unha década

Pero o discurso de Feijóo, coa súa precampaña lanzada, non se limitou ao centro de saúde. Comezou argumentando que o bo funcionamento da atención primaria evita que se colapsen as urxencias e a atención especializada hospitalaria. E acabou gabando a nova regulación que vén de aprobar o seu Goberno sobre a carreira profesional de enfermería. Polo medio, o presidente vinculou o ambulatorio coa atención aos peregrinos que cheguen ao veciño centro de recepción de romeiros asegurando que “comprobarán que a atención primaria de Galicia é das mellores de calquera lugar de Europa”. Salientou o investimento en infraestruturas asegurando que está a cumprir o seu compromiso de “que todos os galegos teñan na súa área sanitaria ou un hospital ou un centro de saúde novos ou reformados”. Volveu asegurar que o próximo balance sobre a espera sanitaria será “histórico” pola súa melloría, como xa avanzou o pasado mércores no Parlamento de Galicia sen que se coñezan aínda eses datos. E prometeu un novo sistema de atención sanitaria telefónica. Todo, na inauguración dun centro de saúde que este luns comezou a funcionar con só dous médicos de familia e tres enfermeiras, á espera de saber que cantidade de pacientes pedirán o seu traslado voluntario desde os outros ambulatorios nos que son atendidos actualmente.

Feijóo visitando o novo centro de saúde de Galeras, en Santiago Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.