Axudas da Xunta á patronal mineira serviron para pagar restaurantes e subscricións a xornais

Vista da explotación mineira de San Finx © Sacyr

Nos anos 2012 e 2013 diversas entidades políticas e sociais alzaron a voz contra as axudas da Xunta para "entidades mineiras sen ánimo de lucro", convocadas na primavera de 2012 cunha dotación de 800.000 euros e reproducidas ao ano seguinte, en plenas protestas contra a mina de Corcoesto, con 300.000 euros máis. Algunhas daquelas axudas veñen de ser fiscalizadas polo Consello de Contas nos informes entregados a pasada semana no Parlamento. Neles, o órgano fiscalizador certifica evidentes carencias no control das axudas e o pagamento de gastos alleos ao obxectivo das mesmas, tales como facturas de restaurantes ou subscricións a xornais.

Un dos expedientes analizados por Contas é o do outorgamento de case 154.000 euros á Cámara Oficial Mineira, considerada a patronal do sector en Galicia, con cargo ás devanditas axudas de 2012. O obxectivo da subvención era financiar a elaboración da "análise, incidencia e diagnóstico" sobre o anteproxecto de actividades extractivas de Galicia", un traballo que a Cámara subcontratou en "case o 70% do total da actividade" sen que "existise a autorización pertinente polo órgano concedente", a Consellería de Economía e Industria. Esta autorización é obrigada cando a subcontratación supera o 20% do orzamento, segundo a lei de subvencións do ano 2007.

A Cámara subcontratou "case o 70%" da actividade subvencionada "sen que existise autorización" da Consellería, como marca a lei

Sempre segundo a fiscalización de Contas, estas non foron as únicas irregularidades detectadas. A Cámara imputou a esta subvención gastos financeiros como comisións bancarias ou cotas de tarxetas de crédito, así como gastos de asesoria sen "xustificar que estean directamente relacionados co actividade subvencionada e sexan indispensables", caso no que si poderían ser financiados con estes fondos públicos. A subvención, igualmente, serviu para afrontar xuros de débedas pendentes, "expresamente excluídos" pola lei de subvencións.

É neste punto da análise onde figuran os gastos de prensa e xantares. Cos fondos concedidos para a elaboración da antedita análise mineira sufragáronse "gastos de subscricións a xornais" e "gastos de representación, constituídos basicamente por facturas de restaurantes por importe de 3.487,52 euros". Estas facturas imputáronse "como gastos indirectos", pero segundo o Consello "carecen dunha xustificación razoable sobre a súa necesidade ou conveniencia para o proxecto", entre outras cousas porque non están "referidos ao período en que, efectivamente se desenvolve" o estudo subvencionado.

A subvención, destinada a entidades mineiras "sen ánimo de lucro", financiou tamén gastos bancarios "expresamente excluídos" pola normativa vixente, di Contas

Estas disfuncións producíronse nun contexto no que, se ben a Xunta realizou "un seguimento efectivo da aplicación dos fondos á realización da actividade", non atendeu igualmente "ao cumprimento da finalidade á que responden estes estudos ou proxectos". Así, no caso do devandito proxecto sobre o plan de actividades extractivas, a Cámara Mineira envioulle á Consellería un "documento de inicio para a avaliación ambiental estratéxica" do plan, "cuxo desenvolvemento se descoñece". "Tampouco consta -engade Contas- un seguimento da aplicación do resto dos traballos financiados con esta liña" nin existen "informes de control financeiro para cada un dos expedientes desta liña de axudas".

Nas súas alegacións ao informe a Xunta defendeu a súa actuación e xustificou a inclusión dos gastos subvencionados, se ben agrega nalgúns deles que desenvolverá "actuacións de verificación necesarias" para "apreciar se existe suposto de reintegro previamente ao inicio do oportuno procedemento". As alegacións da Xunta a este respecto non supuxeron que Contas modificase o seu informe de fiscalización.

As axudas concedéronse con Javier Guerra como conselleiro (na imaxe, co director de Minas e un representante da Cámara Mineira) © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.