Unha xuíza di que chamar “mala zorra” a Carmela Silva foi “liberdade de expresión”

Captura de pantalla dos insultos publicados na rede social Dominio Público Praza Pública

A xuíza á fronte do xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, con competencias en violencia sobre a muller, vén de arquivar a denuncia que pesaba sobre un ex-concelleiro do PP de Moraña, responsable de Igualdade, por chamar “mala zorra” e “sinvergüenza” á presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva. A maxistrada entende que esas expresións, que publicou en Facebook, forman parte da súa “liberdade de expresión”.

A maxistrada arquiva a denuncia contra o ex-concelleiro do PP responsable de Igualdade en Moraña que dimitiu tras insultar á presidenta da Deputación de Pontevedra

O pasado 29 de xaneiro Caldas, tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade, escribiu en Facebook que Silva era unha “mala zorra” e unha “sinvergüenza” por retirarlle axudas provinciais a un rally. Todos os partidos menos o PP pediron inmediatamente a súa dimisión, mentres Alberto Núñez Feijóo pediu desculpas como líder dos populares galegos pero evitou reclamar o seu cese. Pola súa banda, Silva denunciou os insultos ante a xustiza e aos poucos días Caldas deixou o cargo.

Agora, como adiantou este xoves a cadena SER, a xuíza, Rosa García Prado, considera que o comportamento de Caldas “non resulta inhabitual na actualidade nas manifestacións dos cargos públicos” e o desculpa argumentando que foi produto dunha “obcecación” do popular. Tras coñecer esa decisión xudicial, Silva anunciou que recorrerá ante unha segunda instancia xudicial o que considera unha expresión de “violencia machista”.

Captura de pantalla dos insultos publicados na rede social Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.