Feijóo pide non conformarse con gañar "por incomparecencia do rival" e di ser "militante de Galicia"

Feijóo, no monte de San Pedro na Coruña © PPdeG

Alberto Núñez Feijóo apostou este venres na Coruña por acadar unha "maioría excepcional" o 25 de setembro para que "Galicia sexa unha excepción política no resto de España", polo que apelou á necesidade de conseguir máis apoios e non conformarse con "gañar por incomparecencia do rival". Con enorme optimismo, o presidente da Xunta acudiu á xunta directiva do PP provincial e amosou a súa preocupación pola "irresponsabilidade política" que acontece, segundo cre, en España, e por un "infantilismo político histórico", en referencia á dificultade para formar goberno. 

Feijóo apelou á necesidade de conseguir máis apoios e non conformarse con "gañar por incomparecencia do rival"

"Non o queremos para nós, é necesario que haxa unha solución. Quero que España se pareza á estabilidade de Galicia", destacou o líder do PPdeG, que cargou contra En Marea e o PSdeG. "Só se esforzan en aparentar que se van facer primarias cando se coñece desde hai meses o candidato, só se esforzan en que a coalición dea máis escanos a un partido có outro partido co que queren gobernar logo. Diríalles que menos embigo e menos Feijóo e máis Galicia", dixo en referencia ao espazo de confluencia. 

Ademais, insistiu en que "o de menos é gañar ás Mareas de Podemos –xuntas ou separadas-, ao PSOE –un bando ou outro-, ao que queda do BNG ou a partidos improvisados", senón que “o de máis é poder conseguir que Galicia saia gañando”.

Feijóo, que negou presentarase por política, di agora que é "militante de Galicia"

Ademais, Feijóo, que xa dixera que non se presentaba ás eleccións por unha cuestión partidista, ideolóxica, profesional nin política, senón que o fai por vocación e sentimento, renegou tamén este venres na Coruña da súa militancia política. "Son militante de Galicia", dixo, tras asegurar que acode aos comicios “que se celebran para que gañen todos os galegos que son convocados ás urnas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.