Baltar deixaría a Deputación e Lugo e Ourense perderían escanos co pacto Rajoy-Rivera

Rajoy, xunto a Feijóo, Vázquez e Baltar, nun peche de campaña © PPdeG

Á espera de coñecer a letra pequena do acordo, as seis condicións que Ciudadanos lle pon a Mariano Rajoy para votar a favor da súa investidura como presidente do Goberno terían algunha que outra importante repercusión en Galicia. José Manuel Baltar, imputado por corrupción, tería que deixar a presidencia da Deputación de Ourense, e esa provincia e Lugo poderían perder escanos no Congreso dos Deputados para facer máis "proporcional" o reparto dos mesmos. Do mesmo xeito, a creación dunha comisión de investigación política sobre o presunto financiamento ilegal do PP podería abranguer tamén as ramificacións galegas deste.

Feijóo, Barreiro ou Pastor están no órgano que decidirá se os populares aceptan as condicións de Ciudadanos

Rajoy di que as condicións de Ciudadanos, varias das cales non están nas mans do PP ou son moi vagas, parécenlle ben e agora deixa a súa aceptación en mans do Comité Executivo dos populares, que se reunirá o vindeiro mércores día 17. Nese órgano de preto dun cento de membros están presentes, entre outros, os galegos Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, José Manuel Barreiro como voceiro no Senado, Javier Dorado como secretario xeral de Nuevas Generaciones e, como vogais electos, Ana Pastor, Pilar Rojo e Francisco Millán Mon.

“Separación inmediata de calquera cargo público que fose imputado formalmente por corrupción política ata a resolución completa do procedemento xudicial”, di a primeira das condicións impostas por Albert Rivera a Rajoy para a súa investidura.  Baltar está imputado por tráfico de influencias e suborno, delitos considerados de corrupción política, por presuntamente ofrecer a cambio de sexo un emprego público a unha muller que tamén está imputada. A aplicación literal da condición de Ciudadanos obrigaría o PP a apartalo da Deputación, pero como ten pasado en ocasións anteriores con códigos éticos ou pactos entre partidos, a medida podería ser matizada de moitos xeitos, entre outros facendo que non sexa retroactiva e só se impoña aos imputados a partir do pacto. Baltar sería o cargo do PP galego máis afectado pola condición de Ciudadanos logo da saída da Deputación de Pontevedra de Rafael Louzán, imputado por delitos similares.

“Nova lei electoral cos seguintes principios: incremento da proporcionalidade [...]”, di a terceira das condicións impostas por Ciudadanos. Co actual sistema electoral, Ourense e Lugo son dúas das provincias de toda España nas que menos votos son necesarios para obter algún dos seus catro escanos no Congreso dos Deputados, polo que poderían ver reducida a súa representación. Pola contra, o cambio podería aumentar a representación da Coruña e Pontevedra. A condición de Ciudadanos tamén pide eliminar o voto rogado para os electores residentes fóra de España, o que en Galicia, co elevado número de emigrantes, podería incrementar a participación electoral.

Entre as seis condicións que pon Ciudadanos para apoiar a investidura está a creación dunha comisión de investigación sobre o financiamento do PP, con ramificacións en Galicia

“Creación dunha comisión de investigación parlamentaria sobre o presunto financiamento ilegal do PP ('Caso Bárcenas')”, di o sexto punto das condicións de Ciudadanos. As anotacións que o ex-tesoureiro do PP tiña nos seus coñecidos papeis incluían numerosas referencias directas a Galicia, ademais de que outros casos de presunta corrupción en torno aos populares, como o Gürtel, teñen implicacións galegas, empezando pola acusación contra un dos seus líderes, o ex-secretario xeral do PP galego Pablo Crespo.

As outras tres condicións impostas por Ciudadanos (eliminación dos aforamentos e dos indultos por corrupción e limitación a oito anos do mandato do presidente do Goberno) non terían unha repercusión directa inmediata en Galicia.

A contabilidade de Pablo Crespo e a de Bárcenas, comparada por El Pais © El Pais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.