En Marea avala a Luís Villares como "único candidato" da confluencia

Villares, xunto a coordinadora de En Marea © En Marea

Ao carón de Xosé Manuel Beiras e xunto a varios membros máis da coordinadora de En Marea, Luís Villares foi presentado este xoves como candidato da confluencia á presidencia da Xunta, de ser ratificado nas primarias da vindeira semana. "O único candidato, o candidato de consenso, do que estamos todos e todas orgullosos", dixo Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, que advertiu tamén que a decisión "non ten volta atrás", en clara alusión ao proceso paralelo de elección interna que mantén Podemos, cuxo secretario de Organización, Pablo Echenique, negocia xa en Galicia para salvar un acordo no que xa só cabe a integración da formación morada no partido instrumental galego.

En Marea aclara que Villares é "o único candidato" e que a decisión da confluencia "non ten volta atrás"

Coa porta aberta aínda a unha "vía extraordinaria" que permita a entrada de Podemos na confluencia, En Marea pechou tamén a inscrición nas súas primarias, onde se presentaron 18 listas (7 na provincia de Pontevedra, 5 na da Coruña e 3 tanto en Ourense como en Lugo) que "concorrerán en termos de cooperación, plurais e solventes", segundo dixo Suárez. Neles, representantes das distintas formacións que se integraron no espazo, das mareas municipalistas, independentes e membros de Podemos favorables á unidade e contrarios ás reticencias da súa dirección a diluírse no partido instrumental, entre elas, a viguesa Paula Quinteiro. "Todos e todas cabemos, ten as portas abertas a todas as persoas que queran sumar”, reiterou o rexedor ferrolán.

Os máis de 6.000 inscritos -e que aínda poden incrementar o seu número ata o vindeiro domingo- votarán os días 16 e 17 de agosto nunha xornada na que, segundo En Marea, toca elixir "os que formarán parte do vindeiro goberno da Xunta de Galicia".

Cando menos 6.000 inscritos elixirán de entre 18 listas en toda Galicia e nas que hai membros de Podemos contrarios á dirección galega

Ao tempo, Luís Villares dixo que será “o candidato de toda a confluencia, os que están xa e os que aínda non están integrados pero que se sumarán”. “Son simplemente a portavocía, a voz humilde que represente a cidadanía galega en clave solidaria, comprometido coa democracia e a xustiza social” afirmou, para a continuación centrarse nas propostas de En Marea. Así, destacou a intención do seu partido de "loitar e poñer en marcha políticas dirixidas á defensa das persoas e os seus intereses".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.