A dirección federal modifica as listas do PSdeG e inclúe a Vilán e Gonzalo Caballero

Leiceaga, Cancela, Vilán e outros membros do PSdeG, na presentación do candidato á Xunta CC-BY-NC-SA PSdeG

A dirección federal do PSOE vén de modificar as propostas de listas electorais para as autonómicas do 25 de setembro emitidas polos comités provinciais de Pontevedra e Ourense, das que quedaran fóra destacados apoios do candidato á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Vilán figura agora no segundo posto por Pontevedra e Caballero no quinto

En Pontevedra, o vigués Abel Losada, actual deputado, segue encabezando a lista, que ten agora no segundo posto á actual portavoz no Parlamento de Galicia, Patricia Vilán, que non lograra ser incluída en ningún lugar da lista pola dirección provincial do partido malia ser a máis apoiada pola agrupación local da cidade de Pontevedra. Do mesmo xeito, a dirección federal introduciu no quinto posto por Pontevedra a Gonzalo Caballero, sobriño do alcalde Abel Caballero pero enfrontado con el e principal apoio de Leiceaga nas primarias que o fixeron candidato. 

En Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, responsable local do partido na cidade, ocupará o terceiro posto e despraza ao quinto á actual deputada e secretaria de Organización provincial María Quintas.

A decisión de Ferraz ameaza con provocar un novo enfrontamento interno no socialismo galego. O que si creou xa foi moita polémica na dirección estatal. O membro andaluz da Comisión Federal de Listas, Antonio Pradas, votou en contra da modificación, segundo explicaron a este diario fontes socialistas. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.