Ferrol inicia a remunicipalización do subministro eléctrico tras renunciar ao anterior contrato

O alcalde Jorge Suárez presenta o informe do Instituto Tecnolóxico © Concello de Ferrol

A remunicipalización de servizos prestados até o de agora por concesionarias privadas avanza en varios concellos galegos. Os gobernos locais das mareas apostaron forte pola xestión directa e pública por parte da administración de servizos básicos e Ferrol vén de dar un primeiro paso e definitivo para que esta tamén chegue á luz

O goberno local anunciou a renuncia do contrato de subministro e mantemento eléctrico promovido polo PP no anterior mandato

O goberno ferrolán bipartito anunciou este mércores a renuncia do contrato de subministro e mantemento eléctrico promovido polo PP no anterior mandato, logo de que un informe do Instituto Tecnolóxico de Galicia dese o visto e prace e avalase a intención de Ferrol en Común (Fec) e PSdeG, unha "decisión política" na que prima, segundo aclarou o alcalde Jorge Suárez, o "interese economico para o Concello, claro e meridiano". 

A anterior adxudicación, paralizada polo novo executivo local de Ferrol, fora licitada por 2,75 millóns por cada ano e durante 15 exercicios, o que supoñía máis de 40 millóns de euros e "ataba as arcas públicas da administración, por máis de 13 anos, aos intereses dunha empresa privada”. Era, segundo o alcalde, "lesivo, de longa duración" e "restaba capacidade de investimento" ao Concello. Iso, unido ao informe de técnicos que avala as súas teses, levou o executivo local a propoñer a "renuncia". 

"Ataba as arcas públicas da administración, por máis de 13 anos, aos intereses dunha empresa privada”, lembra o alcalde

Suárez explicou que que o informe aínda ten que pasar polo xefe de Contratación, Intervención e Secretaría do Concello pero está "convencido" de que, na súa obriga de velar polo interese público, "á vista dos datos incontestábeis que amosa,  a renuncia ao mesmo poderá executarse sen problema e co apoio de toda a corporación". 

Entre algúns dos detalles do informe, destaca o punto no que se aclara que o período de duración tan amplo do contrato "limita a capacidade de influencia do Concello na identificación, selección e utilización de novas tecnoloxías emerxentes máis eficientes no servizo de alumeado, tanto na iluminación como na xestión, como é o caso do Led, a prezos cada vez máis competitivos". De feito, o prego apostaba polos "halóxenos". 

O informe técnico advirte do problema de "estar suxeito durante 15 anos a uns termos fixados pola empresa adxudicataria, que velará polos seus intereses"

Ademais, o informe do Instituto Tecnolóxico advirte tamén que co anterior contrato a administración local enfrontábase "a un posíbel escenario que implica estar suxeito durante 15 anos a uns termos fixados pola empresa adxudicataria, que loxicamente velará polos seus intereses particulares", e que "non teñen por que coincidir cos intereses do Concello", fronte a un escenario "máis racional, no que sexa o propio Concello o que xestione e licite as condicións de subministro enerxético".

Alén disto, aclara que "a nivel xestión, será moito máis sinxelo, cómodo e operativo para un modelo de contratación centralizada da enerxía para todas as instalacións dos edificios municipais, tal e como xa fan o Ministerio, a FEMP e outras entidades". Ao tempo, aclara que “a inclusión da iluminación interior dos edificios municipais no ámbito de aplicación dos pliegos é prexudicial para o concello”

Jorge Suárez situou esta decisión na liña de remunicipalizar servizos e frear políticas antigas e prexudiciais para a cidadanía, como fora o caso polémico da depuradora, aínda que recoñece que son "batallas duras no marco lexislativo actual". O alcalde compareceu para anunciar a decisión xunto primeira tenente de alcalde, Beatriz Sestayo, e aos concelleiros de Germán Costoya e Álvaro Montes, de Servizos e Participación.

“O público para o público” fronte á “submisión ás empresas do antigo goberno de Rey Varela”, di Sestayo

“É unha boa decisión, plenamente xustificada. Non podemos perder o control sobre un subministro tan esencial como é o eléctrico. É unha enorme satisfacción poder ter conseguido o primeiro obxectivo da nosa folla de ruta no camiño da remunicipalización de servizos”, concluíu Costoya. “O público para o público” fronte á “submisión ás empresas do antigo goberno de Rey Varela”, rematou Sestayo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.