O PP acepta agora un debate conxunto para as autonómicas tras vetalo nas últimas campañas

© CRTVG

A CRTVG vén de trasladarlles aos candidatos e candidatas a presidir a Xunta de Galicia das cinco forzas actualmente máis representativas de Galicia a proposta de "participar nun debate electoral conxunto, a emitir en directo e simultaneamente pola Televisión de Galicia e a Radio Galega o luns 12 de setembro en horario de máxima audiencia", ás 21.30 horas.

A CRTVG propón un debate electoral conxunto, na TVG e Radio Galega, o luns 12 de setembro en horario de máxima audiencia 

Así o fixo público o ente público, logo de que varias candidaturas -o xoves mesmo o BNG- reclamasen a celebración dun debate entre os candidatos á presidencia da Xunta no 25-S. Segundo aclara a CRTVG, este espazo tería lugar nos estudios da TVG en San Marcos, en Compostela, e os participantes faríano con igualdade de tempos.

"A el foron convidados os candidatos de PP, PSdeG-PSOE, BNG, En Marea e Ciudadanos, por tratarse de organizacións que xa obtiveron representación nas anteriores eleccións autonómicas e volven presentarse ou que, a criterio da Xunta Electoral, teñan carácter de 'forzas políticas significativas' porque acadaron unha representación salientable en anteriores comicios", explica a compañía. 

Ademais, a CRTVG convida no mesmo escrito os representantes destas formacións a "unha xuntanza de traballo previa para negociar diversos aspectos do debate".

Feijóo di agora que os debates deberían ser unha "cuestión obrigatoria" tras negarse a un debate 'a tres' en 2009 e 2012

A resposta dos líderes políticos aludidos non se fixo esperar. Alberto Núñez Feijóo asegurou que os debates electorais deberían ser unha "cuestión obrigatoria" e anunciou que participará nel. "Estarei no debate coas forzas políticas que de acordo coa lei electoral teñan que estar”, matizou logo, confirmando unha posición ben distinta á amosada non hai moito. 

Despois de aceptar debates a tres co socialista Emilio Pérez Touriño e co nacionalista Anxo Quintana durante a suá etapa na oposición nas municipais de 2007 e nas xerais de 2008, a súa postura mudou. As facilidades que mostrara para acudir aos debates desapareceron nas primeiras eleccións ás que se presentou como cabeza de cartel, as autonómicas de 2009.

Menos dun ano despois de comparecer ante a audiencia con Touriño e Quintana o actual presidente negouse a facelo de novo antes das eleccións ás que concorrían os tres. Naquel ano o plan de cobertura das eleccións previsto pola TVG incluía un debate 'a tres' de 70 minutos de duración que se emitiría nun dos horarios de máxima audiencia, toda vez que substituiría a emisión do programa Luar. Os populares negáronse por considerar, en verbas de Feijóo, que ese debate non era máis ca un "teatrillo amañado" co que se pretendía ocultar que Touriño era un "covarde" que non quería debater con el en solitario.

Nas primeiras eleccións ás que se presentou como cabeza de cartel Feijóo negouse a debater na TVG con PSdeG e BNG por ser un "teatrillo amañado"

A seguinte gran cita electoral tras as autonómicas de 2009 foron as municipais de 2011 e nesas o debate entre líderes dos partidos nin chegou a formularse. Ao ano seguinte, en 2012, houbo de novo eleccións galegas e Feijóo mantívose inamovible na posición de non debater con PSdeG e BNG e, menos aínda, de darlles entrada a forzas sen representación parlamentaria. Naquela ocasión foron socialistas e nacionalistas quen cederon e si se celebraron tres debates a dúas bandas con Feijóo, Pachi Vázquez e Francisco Jorquera como protagonistas. "Estou disposto a debater con todas as forzas políticas", di agora, en 2016. 

 

Todos os candidatos aceptan o debate

Por outra banda, Xoaquín Fernández Leiceaga, aclarou que non se negará a participar noutros debates pero considera "importante" que se celebre "un debate a dous" entre el e Feijóo. "Cremos que é importante a dous porque é unha forma útil de contrastar propostas e alternativas. Somos a principal forza da oposición en Galicia, a segunda forza no Parlamento de lonxe e, en termos municipais, a que goberna máis cidadáns", insistiu, tras matizar, non obstante, que non se nega "a ningún outro debate, o da CRTVG e algún máis". 

Todos os partidos aceptan a proposa da TVG pero PSdeG e BNG piden un debate "a dous" entre os seus candidatos e Feijóo

Luís Villares, por outra banda, candidato de En Marea, di estar "encantado de asistir" ao debate proposto polos medios públicos para dar a coñecer "a alternativa de goberno ao PP" e o "discurso" da súa formación. Para o aspirante á presidencia da Xunta, o espazo é unha oportunidade para que o seu partido "mostre" que ten "unha mensaxe solvente e un discurso que transmitir, contrario ás políticas antisociais do PP". 

Ademais, Goretti Sanmartín, coordinadora de campaña do BNG, destacou a "rápida resposta" da CRTVG á proposta da súa formación pero considéraa "insuficiente". Así, pediu unha "dobre volta" e tamén debates cos candidatos provinciais. Ao tempo, reclamou un "cara a cara" entre a aspirante do Bloque á presidencia da Xunta, Ana Pontón, e Feijóo. "Non sabemos por que quere fuxir e non dar a cara", dixo en alusión ao líder do PPdeG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.