O PP fía a súa campaña galega á comparación con Madrid

Tellado e a vicesecretaria Luisa Piñeiro, amosando o cartaz do PP CC-BY-SA PPdeG

Galicia is different. O lema promocional de España espallado nos anos 60 do século pasado polo Ministerio de Información y Turismo que dirixía Manuel Fraga ben podería servir de resumo da filosofía de campaña cara ao 25-S que o PP desprega en Galicia dende hai semanas e que vén de concretar na presentación do seu cartel e lema electorais. Nunha estratexia pouco habitual en eleccións ao Parlamento de Galicia os conservadores fían boa parte da súa campaña á comparación con Madrid, entendido este non como lugar xeográfico senón como concepto político que aglutina a bloqueada situación parlamentaria tras os comicios xerais de decembro e xuño. 'En Galicia si' grazas a Feijóo e en España, "non" por culpa do PSOE, veñen dicir.

Tras unha precampaña centrada en actos de pequena dimensión no rural, todos eles centrados na figura de Alberto Núñez Feijóo, o número dous e xefe de campaña do actual presidente da Xunta, Miguel Tellado, vén de presentar as liñas mestras do que pretende ser un relato electoral por contraste. A idea forza non se refire á xestión do Goberno nin aos seus plans para o futuro, senón ao que disque en Galicia non sucede: "Mentres en España segue 'no es no', nós dicimos que 'En Galicia si'", explicou Tellado en rolda de prensa mentres, paradoxalmente, os responsables da súa campaña en redes sociais se esforzaban en combater a difusión como trending topic da etiqueta #GalizaIsNotSpain.

Nunha estratexia pouco habitual en eleccións galegas, os populares centraranse en subliñar que Galicia non é politicamente como España

Aínda que a aritmética parlamentaria e, sobre todo, as intencións declaradas polas forzas de esquerda -PSdeG, BNG e En Marea veñen apostando polo entendemento entre si no caso de que os populares perdan a maioría absoluta- fagan difícil que no Pazo do Hórreo se chegue a un bloqueo semellante ao do Congreso dos Deputados, Tellado sinala que "o voto á candidatura de Feijóo -o líder do partido preséntase por Pontevedra- é o único capaz de evitar os bloqueos, vetos e liñas vermellas que predominan na política nacional". "En Galicia -abonda- si queremos ter un Goberno forte, porque sabmos que a estabilidade política é un factor fundamental para ter resultados políticos positivos".

O logotipo do PP fica nun segundo e reducido plano e o protagonismo volve ser para a figura de Feijóo

A "estabilidade" como sinónimo de maioría absoluta do PP é o único que permite, aseguran, bos resultados en indicadores económicos como o crecemento do PIB que, afirman, invertirían a súa tendencia se o pais "cae nas mans de políticos irresponsables, como ocorre no ámbito nacional". Só un novo goberno do PP, engaden, pode "evitar que Galicia caia nunha crise política" de magnitude semellante á crise económica da que, afirman, Feijóo "sacou" o país.

Este será o argumentario dunha carreira electoral na que, como en 2009 e 2012, o logotipo do PP fica en segundo plano, cun reducidísimo tamaño que lle cede o protagonismo en carteis e demais materiais a "un Feijóo co acento en Galicia", en verbas de Tellado. Na liña do expresado polo candidato á reelección, quen asegurou non concorrer ás eleccións por "política" ou por un partido, senón "por Galicia", o elemento gráfico é a cara de Feijóo inserida nun mapa de Galicia.

No cuartel xeral dos conservadores vese a maioría absoluta como mías que posible, pero a mensaxe pública para evitar a relaxación indica que é "non é doado"

Con estes vimbios tentarán construír o cesto dunha terceira maioría absoluta impensable hai apenas un ano pero que, agora si, no cuartel xeral dos conservadores se considera máis que posible. No entanto, a mensaxe pública é ben distinta, coa fin de evitar a relaxación da tropa popular e, sobre todo, do electorado que aínda lle reproche ao partido os casos de corrupción, o desgaste da crise e mesmo a actitude de Mariano Rajoy na súa investidura fallida. "Non é doado, pero é posible", resumen. Para iso, cómpre que o temor a "un lío ingobernable" lle gañe a partida en campaña á opinión crítica co PP ou ás potenciais ansias de cambio dun sector do electorado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.