O xuíz desestima a demanda do PP de Ourense contra a lista de En Marea na provincia

David Rodríguez (esquerda), con Luís Villares, Ánxeles Cuña e outros membros da candidatura CC-BY-SA En Marea

O electorado da provincia de Ourense poderá votar, se o considera oportuno, pola lista de En Marea tal e como foi presentada por esta formación, isto é, con David Rodríguez como número dous. O xulgado do contencioso número 1 da capital ourensá desestimou este venres a demanda coa que a dirección provincial do PP procurou impugnar a candidatura da organización que cara ao 25-S lidera Luís Villares. O argumento dos de José Manuel Baltar asentábase en que Rodríguez presentara fóra de prazo a súa renuncia á Alcaldía de Manzaneda.

Para En Marea a resolución xudicial supón un "triunfo da democracia" fronte á "bancarrota moral e ética" da "coalición Feijóo-Baltar", en referencia á reclamación dos conservadores. O PP baseaba a súa impugnación en que o pleno de Manzaneda tomou coñecemento da renuncia de Rodríguez como rexedor o día 29 de agosto.

No entanto, sinalou a letrada de En Marea no xulgado, David Rodríguez presentou a súa renuncia no Concello o día 19, antes da tramitación formal da candidatura. Ademais, agregan, a publicación definitiva das listas produciuse o día 30, polo que, en calquera caso, "a demanda non tiña percorrido xurídico". "Toda a xurisprudencia consolidada" van nesta dirección, resaltan.

En Marea ve no aval á candidatura de David Rodríguez un "triunfo da democracia" fronte á "bancarrota moral da coalición Feijóo-Baltar"

Coa resolución xudicial que declara a Rodríguez como "elixible" na man -o PP aínda podería optar polo recurso ante o Tribunal Constitucional"-, En Marea ve no acontecido unha mostra do "medo" da "monarquía baltárica, afeita a facer listas a dedo". "Fronte ao PP do paro e da emigración en Ourense -agregan-, Davide simboliza a súa antítese polas políticas que desenvolveu dende a Alcaldía de Manzaneda". "Fixo que medrase a poboación nun concello do rural da alta montaña, creou emprego significativo e de calidade e impediu que o PP eliminase servizos públicos, como o comedor do colexio ou o centro de día", sinalan.

"O PP de Baltar tratou de enturbiar o debate político con consideracións xurídicas que non teñen fundamento en dereito para pretender tirar rédito electoral", considera a formación nun comunicado. "Nun país democrático -conclúen- a posibilidade de saír elixido como parlamentario debe pasar polas urnas e non por un xulgado, como busca o PP".

Feijóo e Baltar nun mitin. CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.