Rivera afirma que "se de Ciudadanos depende, Galicia terá un goberno estable e reformista"

Albert Rivera, na Coruña © Ciudadanos

Albert Rivera visitou Galicia este domingo para apoiar a campaña de Ciudadanos para as eleccións do 25 de setembro. O líder da formación laranxa protagonizou un acto político na Coruña que servir para presentar a súa candidata á Presidencia da Xunta, Cristina Losada, e para reafirmar a aspiración do seu partido a "dialogar coa vella política" e ser bisagra. Ante unhas poucas ducias de simpatizantes, Rivera destacou que "se de Ciudadanos depende, Galicia terá un goberno estable e reformista", signifique o que signifique isto, e sen ofrecer máis explicacións sobre as súas preferencias á hora de apoiar un executivo, sinalando iso si que "a estabilidade somos nós porque podemos dialogar coa vella política para impulsar reformas". "Ciudadanos só estará nun espazo constitucionalista fronte ao batiburrillo de populistas e independentistas que só buscan xerar desunión e diferenzas entre os galegos e galegas e entre estes e o resto de españois”, engadiu.

En xeral, as intervencións dos representantes da formación laranxa estiveron inzadas de lugares comúns e de declaracións nas que primou a ambigüidade política: "Ciudadanos chegou para unir os españois desde o centro político e social", "este país non o levantamos os políticos, levántano os emprendedores e a clase media traballadora", "no centro está a virtude e demostrámolo co pacto", "somos o voto útil para a xente que non se conforma e quere cambiar as cousas", "queremos cambiar as cousas a mellor, non nos conformamos. É o que nos diferencia" ou "non vimos para inventar a roda, vimos para aplicar o sentido común no Parlamento Galego" foron algunhas das frases que deixou Rivera na Coruña.

Rivera apuntouse, ao igual que fixera Feijoo hai uns días, a reivindicar o voto da "mocidade inconformista" afirmando que "os mozos galegos deben ser inconformistas e por iso pídolles que confíen en nós". E, en clave estatal, limitouse a acusar a PP e PSOE de "poñer as súas cadeiras por diante do interese xeral", apostando de novo polo acordo entre os tres partidos para formar goberno. Rivera instou a populares e socialistas a “sentar nunha mesa e buscar un espazo de acordo para o que ofreceu como base as 100 reformas que suscribiron tanto Pedro Sánchez como Mariano Rajoy”.

En canto aos candidatos galegos da formación, as súas intervencións non foron moito máis orixinais que as de Rivera. Cristina Losada sinalou que "esta nova etapa con Ciudadanos vai supor un cambio para Galicia" e "non me conformo con que se estean desaproveitando as oportunidades para Galicia", unha das ideas presente no vídeo lanzado por Ciudadanos no que a formación presenta a súa candidata. "Os emprendedores e autónomos deben ter facilidades, non barreiras nin obstáculos" e "Galicia merece unhas reformas ambiciosas que dean estabilidade ao emprego" foron algunhas das receitas ofrecidas por Losada, que non desenvolveu moito máis as propostas de Ciudadanos.

 

Albert Rivera, na Coruña © Ciudadanos
O líder laranxa, ante os seus simpatizantes © Ciudadanos
Rivera, cos candidatos galegos do seu partido © Ciudadanos
Cristina Losada, candidata á Presidencia da Xunta © Ciudadanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.