Condenado a 7 anos un ex-edil do PP en Santiago por prevaricar e perseguir un mando da Policía Local

Albino Vázquez, ex-edil de Seguridade de Santiago © Concello de Santiago

O xulgado do Penal número dous de Santiago vén de condenar o ex-concelleiro de Seguridade do Partido Popular na cidade, Albino Vázquez Aldrey, a sete anos de inhabilitación para ocupar calquera cargo na Función Pública por prevaricar cando tentou relegar un mando da Policía Local. O ditame, ao que tivo acceso eldiario.es, tamén castiga ao exedil co pago da multa que se determine na execución da sentenza.

A historia remóntase ao ano 2012 e ten como protagonistas a varios dos cargos municipais do Goberno de Gerardo Conde Roa, a aposta de Alberto Núñez Feijóo para a capital de Galicia e quen tivo que dimitir despois de que se destapase unha presunta fraude fiscal de 291.000 en euros na venda dunhas vivendas da súa promotora inmobiliaria. Albino Vázquez Aldrey era o concelleiro de seguridade do primeiro goberno do PP tras 25 anos de Gobernos ininterrompidos do PSOE en Santiago. Só un ano despois de chegar ao poder viuse salpicado por distintos casos de corrupción que se mesturaron grazas ás escoitas telefónicas que puxo en marcha o xulgado de Lugo que instrúe o caso Manga, derivado da Pokémon.

Os investigadores descubriron mentres indagaban sobre o caso Manga, de supostas adxudicacións irregulares desde o Concello de Santiago a cambio de mordidas, que o edil de Seguridade trazou un plan para relegar no escalafón ao daquela xefe da Policía Local, José Manuel Carril. A inimizade dos dirixentes do PP viña de lonxe: de antes das eleccións municipais, cando segundo o testemuño de Carril, este negouse a destruír o atestado que acabou coa carreira política do número 3 do PP nas municipais de 2011, Ángel Espadas, que foi sorprendido durmido e ebrio ao volante nun dos semáforos da cidade.

A sentenza considera probado que Aldrey trazou un plan para apartar a Carril da xefatura da Policía por negarse a destruír o atestado que acabou coa carreira de Ángel Espadas, sorprendido ebrio e durmido ao volante

Cando o PP alcanzou o poder municipal, Vázquez Aldrey trazou un plan para apartar a Carril da xefatura de policía. Pero cometeu un erro: deu algunhas das instrucións por teléfono, sen saber que as súas comunicacións estaban intervidas por unha xuíz lucense. Na charla clave, intervida o 24 de maio de 2012, a xefa de área de Seguridade, María del Mar Hinojosa, comunica ao concelleiro que ten "trincado" a Carril posto que o descubriu desprazándose fóra do termo municipal de Santiago co seu vehículo oficial en horas de traballo. Hinojosa e o seu xefe, o edil Vázquez Aldrey, concluíron daquela que o mellor era falsificar unha denuncia cunha chamada anónima que acusase o funcionario de vulnerar as súas obrigacións profesionais e decidiron que fose o propio Espadas, o candidato que tivo que dimitir pola alcoholemia, o que telefonase o Concello. Finalmente, o plan desbarátase cando as persoas que estaba a seguir ao mando da policía local avisan de que xa cambiou de localización.

A denuncia do xefe da policía local, que nun principio se arquivou, logrou reabrirse e a acusación arroupou os seus argumentos con escoitas telefónicas. A fiscalía pedira para Vázquez Aldrey nove anos de inhabilitación e unha multa de 6.000 euros. A condena que considera probada a prevaricación do exconcelleiro do PP coñécese no primeiro día de campaña das eleccións galegas e apenas terá efectos concretos dado que o concelleiro Vázquez Aldrey xa abandonou a política en 2013 despois de ser encarcerado no marco da Operación Manga que investiga contratos amañados en distintas administracións, entre elas o Concello de Santiago. Vázquez Aldrey eludiu daquela o cárcere facendo fronte a unha fianza de 15.000 euros e continúa acusado de suborno e tráfico de influencias.

Albino Vázquez, ex-edil de Seguridade de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.