Feijóo dáse unha homenaxe personalista na praza de touros de Pontevedra e obvia o PP

Feijóo, durante o mitin na praza de touros de Pontevedra Dominio Público PP de Galicia

No mesmo sitio no que en 2009 comezou a facerse visible a posibilidade de que o golfiño de Manuel Fraga se convertese en presidente de Galicia, a rebordante praza de touros de Pontevedra, Alberto Núñez Feijóo emocionouse este sábado como facía o seu antecesor ao final da súa carreira política. Fíxoo nun acto que foi máis unha festa pensada nos símbolos ca un mitin de mensaxes políticas e no que a marca PP estivo case desaparecida para potenciar a figura de Feijóo como líder de Galicia, non dun partido.

Os populares tentan converter nun amuleto o recinto no que en 2009 fixeron visible a posibilidade de recuperar o goberno

O mitin deste sábado en Pontevedra foi o auténtico inicio da campaña electoral para os populares, logo da pegada de carteis do xoves pola noite e da anulación de todos os actos do venres polo accidente de tren do Porriño. Este sábado, logo de gardar un minuto de silencio polas vítimas do sinistro, arrancou algo parecido a unha gala televisiva con voz en off presentando con euforia aos oradores que precederon a Feijóo e a el mesmo como “o home que fixo posible o imposible, o home que gañou en 2009 cando ninguén o esperaba”.

Aquel 14 de febreiro de 2009, ao inicio, como agora, dunha campaña electoral, Feijóo  e Rajoy déronse un baño de masas –máis de 10.000 persoas– no que alertaron, como agora, de que a única alternativa a un goberno “unido” do PP sería un goberno de “cinco” formacións. Porén, daquela o PP galego manifestábase con Galicia Bilingüe contra a “imposición” do idioma propio de Galicia por parte do bipartito, mentres que este sábado o grupo A Roda foi o protagonista da praza, na que repasaron en directo o seu repertorio máis clásico amenizando aos presentes a espera polo inicio do mitin.

O nome de Feijóo e a súa cara son os protagonistas desta a súa terceira campaña electoral, mentres que o nome do partido está desaparecido

Porque era un mitin do partido gobernante tanto en Santiago como en Madrid, pero parecía máis unha daquelas romarías que o PP de Fraga organizaba no monte Faro. Mesmo unha festa de aniversario, porque este 10 de setembro, ademais, é o día no que Feijóo fai 55 anos, como se encargou de rendibilizar a organización do mitin programando que toda a praza lle cantase. Porén, o aniversario non parecía o motivo polo que nas gradas e na area da praza de touros, como nas rúas de toda Galicia, era difícil atopar as siglas do PP. O nome de Feijóo e a súa cara son os protagonistas desta a súa terceira campaña electoral, mentres que o nome do partido está desaparecido.

No reducido protagonismo que tiveron as mensaxes políticas, os catro presidentes provinciais do partido insistiron en louvar a Feijóo como quen salvou Galicia da crise, esquecéndose a maioría deles mesmo de criticar ao resto de partidos. Feijóo, pola súa banda, asegurou “antepoñer Galicia a calquera causa, persoal ou familiar”. O candidato apelou á morriña por Galicia e falou en plural, pero en referencia aos galegos, e non aos populares. E só unha vez mencionou o “Partido Popular”, pero para indicarlle  a continuación a Rajoy que el se debe “a Galicia, non a un partido”.

“Feijóo, ademais de bo, es honrado”, díxolle Rajoy ao candidato á Xunta

Pola súa banda, Rajoy, “un pontevedrés de toda a vida”, como o presentou a voz en off, comezou o seu discurso insistindo na necesidade de que Pedro Sánchez ceda á presión e permita que sexa investido presidente. E uniuse aos eloxios xerais do candidato: “Feijóo, ademais de bo, es honrado”, sentenciou.

Aspecto da praza de touros de Pontevedra, na que era difícil atopar o logotipo do PP CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.