A Xunta desígnalle á xuíza do accidente do Porriño os mesmos peritos que en Angrois

O tren descarrilado na estación do Porriño Dominio Público Marcos U. Pérez - Cedida

O accidente de tren do Porriño que o pasado venres provocou catro mortos e medio cento de feridos vai quedar xa relacionado xudicialmente co sinistro do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos na curva de Angrois, en Santiago. A Xunta vén de designarlle como peritos á xuíza instrutora do Porriño os dous mesmos funcionarios autonómicos que están a exercer ese papel na investigación do accidente de Santiago, e cuxo traballo é posto en cuestión polas vítimas. A maxistrada pediulle ao Goberno galego que lle facilitase “un listado” de expertos en materia ferroviaria de entre os que poder escoller algún perito xudicial que a axude a esclarecer as causas do sinistro. A Xunta contestoulle este luns dándolle só dous nomes, os mesmos que en Angrois: José Manuel Lamela e Juan Carlos Carballeira.

O Goberno galego non ten competencias en materia ferroviaria e polo tanto tampouco persoal con coñecementos específicos. Pero hai tres anos impúxolle ao instrutor do accidente de Angrois os dous funcionarios, enxeñeiros sen especialización ferroviaria e criticados polas vítimas por faltos de rigor, que limitaron as causas daquel sinistro ao despiste sufrido polo maquinista e non ás eivas de seguridade que tiña a liña. Dous enxeñeiros que, por outra banda, xa teñen traballo, porque o instrutor de Angrois vén de darlles un prazo de tres meses para aclarar novas cuestións relacionadas co accidente de Santiago.

Os funcionarios, non especializados en trens, están cuestionados polas vítimas do Alvia

O primeiro xuíz instrutor do accidente de Angrois nomeou inicialmente tres peritos xudiciais, enxeñeiros de Telecomunicacións, Camiños e Industriais, elixíndoos por sorteo de entre as ternas que lle facilitaron os respectivos colexios profesionais. Porén, o Goberno galego tumboulle a decisión esgrimindo unha norma autonómica que desde un ano antes obriga a buscar os posibles peritos dentro da Administración antes de facelo entre profesionais alleos para aforrar no pagamento de honorarios. Foi así como a Xunta lle impuxo ao xuíz aos seus funcionarios Juan Carlos Carballeira, enxeñeiro de Camiños, e José Manuel Lamela, de Industriais, ambos sen especialización ferroviaria, pero dixo non atopar a ningún de Telecomunicacións e esa labor seguiuna desempeñando o perito independente elixido previamente por sorteo.

Cando a Xunta lle impuxo os seus dous peritos ao xuíz de Angrois, non lle ofreceu varias opcións de entre as que elixir, senón que só lle deu os nomes de Carballeira como experto en Camiños e Lamela en Industriais. Agora, á xuíza do Porriño ofrécelle os dous mesmos nomes para atender a súa petición de contar cun experto con coñecemento en materia ferroviaria que estea presente na apertura das caixas negras prevista para este martes pola mañá, e na que tamén estará presente persoal de Adif, Renfe e Comboios de Portugal.

Os dous funcionarios ofrecidos agora pola Xunta para investigar o accidente do Porriño xa teñen traballo sobre a mesa. O actual instrutor do accidente de Santiago vén de encargarlles, a eles e ao terceiro perito xudicial independente, que antes de decembro lle entreguen un novo informe consensuado. Nel deberán analizar, como así ordenou a Audiencia Provincial da Coruña ao reabrir o caso o pasado maio, se Adif valorou correctamente o risco existente na curva de Angrois ao permitir que non existise ningún sistema automático de freado e que toda a responsabilidade recaese no maquinista.

A investigación administrativa

Será a xustiza a que determine a responsabilidade penal dos accidentes do Porriño e Santiago, pero a Administración tamén realiza a súa propia investigación co obxectivo de que non se volvan producir sinistros similares. Faino a través da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), un organismo supostamente independente no seu traballo pero ligado administrativamente ao Ministerio de Fomento. No caso do Porriño, traballará coa axuda do organismo homólogo portugués.

A CIAF non era independente cando investigou Angrois, pero malia que agora a UE considera que xa o é, a comisaria europea de Transportes ofreceu a axuda de técnicos comunitarios

A CIAF non era independente cando investigou o accidente de Angrois, segundo dá por feito a propia Audiencia Provincial da Coruña e constatou a Axencia Ferroviaria Europea nun informe que fixo público o pasado xullo, no que criticou que non analizase as causas subxacentes do sinistro e se quedase só no erro admitido polo maquinista. Porén, a UE vén de pechar o procedemento de infracción que abrira hai uns anos a España pola súa lentitude en introducir melloras no seu sistema ferroviario, entre elas a independencia da CIAF. A UE considera que os cambios introducidos polo Goberno na CIAF logo do accidente de Santiago, co nomeamento dos seus membros polo Congreso en vez de directamente polo ministerio, como sucedía antes, xa si garanten a súa independencia.

Non o consideran así as vítimas do accidente de Angrois, que salientan que calquera técnico con experiencia suficiente como para formar parte da CIAF só puido adquirila traballando en Adif ou Renfe, o que non garante a súa independencia. Por iso as vítimas veñen de solicitar, ao igual que o avogado do maquinista de Angrois, que sexan técnicos da Axencia Ferroviaria Europea os que asuman o traballo pericial na causa xudicial polo accidente de Santiago. Este venres, ao producirse o accidente no Porriño, a propia comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc, ofreceu ás autoridades de España e Portugal a axuda da Axencia Ferroviaria Europea.

Peritaxe de Angrois que un enxeñeiro da Xunta plaxiou da investigación oficial de Fomento CC-BY-SA Praza Pública
Peritos xudiciais inspeccionando as vías en Angrois Dominio Público Sumario da causa de Angrois

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.