Sánchez e Feijóo simultanean mitins a cen metros con apelacións a Rita (a Santa e Barberá)

Sánchez e Leiceaga en Vilagarcía. No primeiro edificio detrás deles celebrábase ao tempo o mitin de Feijóo. Dominio Público PSdeG

Cen metros en liña recta foron os que separaron este mediodía os mitins que celebraron en Vilagarcía de Arousa os candidatos á presidencia da Xunta do PP, Alberto Núñez Feijóo, e do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, este último acompañado do seu líder estatal, Pedro Sánchez. Unha distancia mínima pero que non propiciou ningún contacto visual entre socialistas e populares, que pola contra si coincidiron en dous aspectos dos seus discursos. As dúas formacións restaron importancia ás enquisas publicadas este domingo e as dúas mencionaron o nome de Rita nas súas intervencións: o de Rita Barberá no caso dos socialistas, en quen o número 3 por Pontevedra, Julio Torrado, simbolizou os casos de presunta corrupción do PP, e o de Santa Rita no caso dos populares, asegurando o número 2 de Feijóo, Alfonso Rueda, que a patroa de Vilagarcía e das causas imposibles é o último recurso que lles queda sos socialistas.

En Vilagarcía de Arousa os socialistas lembran os casos de corrupción dos populares e estes aseguran que aos seus contrincantes só lles queda encomendarse á patroa da vila e dos imposibles

Pedro Sánchez foi o gran protagonista do mitin organizado polos socialistas na alameda situada fronte á Casa do Concello de Vilagarcía. El foi quen arrincou os principais aplausos e gritos de “presidente, presidente”, especialmente nas varias ocasións en que insistiu en que o PSOE non apoiará a investidura de Mariano Rajoy. Sánchez lanzou un “chamamento persoal” aos líderes de Podemos e Ciudadanos, Pablo Iglesias e Albert Rivera, para que “o pensen ben” e lle faciliten un goberno que loite por tres “causas”: a desigualdade, a corrupción e o emprego digno. En clave galega, Sánchez asegurou que o PSdeG vai “desterrar da vida pública galega a mentira” que lle atribúe ao PP e que Leiceaga “quitará o cartel de se vende da sanidade pública galega”. O líder socialista tamén asegurou que “En Marea pasou de ser unha suma de ideas a unha suma de parálises” nos gobernos municipais.

"Feijóo é máis do PP que as gaivotas", asegurou Pedro Sánchez

Os socialistas congregaron ao aire libre medio milleiro de simpatizantes, algo menos os populares, condicionados polo tamaño limitado do auditorio que empregaron. Os espazos elixidos por ambos servíronlle a Leiceaga para asegurar que mentres Feijóo prefería unha sala interior na que poder agochar as siglas do PP, el prefería ser “transparente” e declararse socialista. “Non van conseguir borrar o socialismo do mapa político de España porque levamos cen anos aquí”, proclamou, ao tempo que atribuíu as limitadas opcións que lles dan a maioría das enquistas publicadas este domingo a un suposto interese por minimizalos. Tamén Sánchez asegurou que de nada lle vale a Feijóo agochar as siglas do PP xa que “Feijóo é máis do PP que as gaivotas”.

Feijóo di que os galegos están "cansos dos partidos" e pide o voto a simpatizantes de Ciudadanos e descontetos do PSOE

A cen metros de alí, a Feijóo estábanlle entregando precisamente unha caixa de regalos para o seu futuro fillo con figuras de tres gaivotas, unha por cada unha das tres maiorías absolutas que, coa do vindeiro domingo, esperan os seus que consiga. Na súa intervención, Feijóo, como Leiceaga e Sánchez, restou importancia ás enquisas e asegurou que aínda non hai ningún voto nas urnas. E, dándolle a razón aos socialistas, volveu pedir o voto á marxe das siglas aos simpatizantes de Ciudadanos e os descontentos do PSOE asegurando que os galegos están “cansos dos partidos”.

Aspecto do Salón García de Vilagarcía onde os populares celebraron o seu mitin Dominio Público PP de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.