O PP recupera a ameaza da expropiación de leiras se a esquerda chega á Xunta

Paula Prado no mitin deste martes no que ameazou con expropiacións se goberna a esquerda Dominio Público PP da Coruña

"A proposta que ten a marea para o rural é expropiar as fincas que non se traballen, esa é a proposta estrela das mareas de Podemos”. Quen iso dixo este martes pola noite nun mitin en Santiago foi a ata o de agora senadora do PP Paula Prado, aspirante a volver ocupar un escano no Parlamento de Galicia a partir do próximo domingo. Ela foi a encargada de recuperar a ameaza dunha esquerda expropiadora nesta recta final de campaña, do mesmo xeito que sucedeu nos últimos días da campaña de 2009, cando membros do seu partido repartiron por Ourense panfletos asegurando que “PSOE e BNG queren quedar coas túas terras” e que “se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas”.

Como en 2009, cando aseguraban que “PSOE e BNG queren quedar coas túas terras”, os populares din agora que “a proposta da marea para o rural é expropiar as fincas que non se traballen”

O discurso do medo esgrimido por Prado chega despois de que fose o actual goberno galego o que a través de varias reformas legais establecese e anunciase como unha gran iniciativa para mellorar a produtividade agraria a posibilidade de que a Xunta declare determinadas parcelas como abandonadas e, mediante sancións, obrigue a incorporalas ao denominado Banco de Terras de Galicia para o seu alugueiro a explotacións agrícolas e gandeiras necesitadas de máis solo. É o que a lei aprobada polo PP denomina “mobilización das terras agrarias en manifesto estado de abandono”.

A intervención de Prado ameazando con expropiacións se non goberna o PP realizouna nun mitin no que ela mesma acusou de xeito velado ao goberno local de Compostela Aberta de impor sancións de xeito inxusto en situacións de dor para os veciños: “O último que escoitamos é que están poñendo multas no tanatorio, veremos se é así”, dixo. Prado tamén cargou contra “a flamenca do whatsapp, como eu digo, a señora esta de Ciudadanos”, en referencia á candidata da formación de Albert Rivera, Cristina Losada.

Foi o actual goberno do PP o que impulsou unha lei para a "mobilización das terras en manifesto estado de abandono"

Paula Prado chegou ser portavoz do PP de Galicia, pero foi apartada pola súa implicación no caso Pokémon, no que unhas escoitas policiais recolleron como eloxiaba os “regalos de la hostia” que facía unha empresa da trama. Posteriormente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non apreciou delito na súa actuación e o propio Feijóo rehabilitouna incorporándoa á dirección do partido e promovéndoa en faladoiros de Madrid.

Logo da súa intervención no mitin deste martes, o discurso do candidato do PP á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quedou reducido a unha apelación á confianza na súa persoa por parte dos posibles votantes. Feijóo pediu o voto “aos socialdemócratas galegos”, aos abstencionistas en anteriores comicios e aos que se amosaron decepcionados co PP. Fronte ao seu partido, dixo, as opcións son o BNG que “reparte carnés de bos e malos galegos, Podemos “que reparte carnés de quen é xente ou non o é”, e o PSdeG “que fai méritos para que os do BNG lle dean o carné de galegos e os de Podemos o carné de xente”.

Panfleto distribuído en Ourense na campaña de 2009 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.