"A política de comunicación dunha coalición debe superar o 'para min a tele e para ti a radio'”

Paulo Carlos López no Xescom 2016, celebrado en Ecuador © Xescom

Como debe comunicar un Goberno de coalición? A pasada semana os investigadores Paulo Carlos López e Iván Puentes presentaron nun congreso internacional en Ecuador un traballo que propuña unha serie de Estratexias de comunicación para un goberno de coalición en Galicia. Falamos cun dos seus autores, Paulo Carlos López sobre as cousas que se deben e non se deben facer para trasladar con máis eficacia á sociedade a acción política dun executivo multipartito, xerando un relato compartido e superando os conflitos que poidan xurdir no seo da conxunción. López, doutor en Comunicación pola USC, é actualmente profesor na Pontificia Universidad Católica del Ecuador Sede Ibarra (PUCE-SI).

"É comprensible e mesmo diría, innato, a vocación de todo partido de medrar a costa do outro, pero a imaxe de competición, de incoherencia e de falta de relato está demostrado que é penalizado polo electorado"

Que tres elementos fundamentais debería ter a estratexia comunicativa dun executivo multipartito en Galicia?

Debemos integrar os elementos de índole político e comunicativo. Entendelos como indisociables. É comprensible e mesmo diría, innato, a vocación de todo partido de medrar a costa do outro, pero a imaxe de competición, de incoherencia e de falta de relato está demostrado que é penalizado polo electorado. Un goberno de coalición debe elaborar unha mensaxe estratéxica forte que contente ás bases partidarias, en xeral máis ideoloxizadas, para xustificar e soster esa coalición no ámbito orgánico e que sexa suficientemente dixerible e operable para o conxunto da cidadanía, tendo como compoñentes a dimensión simbólica e o das políticas públicas. Por poñer un exemplo, un goberno “nacional e de cambio” que teña por obxectivo “a creación de emprego de calidade”. Estes elementos teñen que impregnar o resto da comunicación, que será moita e moi variada en temáticas, pero que debe fixar elementos clave e que dean cohesión ao executivo que é evidente que debe actuar con descentralización nalgúns casos para osixenar as relacións entres axentes partidarios, pero en ningún caso con descoordinación na mensaxe. As palabras son importantes, esa dimensión emocional, pero sen esquecer o ámbito da xestión e os elementos máis racionais.

"A política de comunicación dunha coalición debe superar o 'para min a tele e para ti a radio'”

En segundo lugar, operar en base a unha serie de acordos explícitos, escritos e asinados... e que se cumpran. Ten sentido que nun goberno haxa varias políticas de comunicación? Ten sentido que cada quen reparta subvencións ou publicidade institucional de forma discrecional alimentando unha guerra entre medios? Ten sentido que non haxa comparecencias conxuntas dun Presidente e dun Vicepresidente aínda que sexan de partidos distintos? E finalmente, unha figura independente situada no máis alto rango orgánico, un perfil político-técnico, fóra da competición entre partidos, escollido por consenso, con capacidade de decisión, que sexa quen coordine a comunicación interna, externa, a estratéxica e a relación cos medios. A política de comunicación dunha coalición debe superar o “para min a tele e para ti a radio”.

"Por moi ben que o fagas, a necesidade de que a acción de goberno chegue á axenda pública de xeito claro fai que un executivo, e moito máis un de coalición, deba establecer estratexias"

Unha mala comunicación pode botar por terra un bo goberno?

Comunicar é, ante todo, un acto de natureza política. Por moi ben que o fagas, a necesidade de que a acción de goberno chegue á axenda pública de xeito claro fai que un executivo, e moito máis un de coalición, deba establecer estratexias. E facelo, en primeiro lugar, non tratando á cidadanía como parva: menos propaganda e máis información de servizo público. Tamén sendo conscientes de que os medios de comunicación non están ao teu servizo, senón que deben fiscalizarte e os e as xornalistas deben facer o seu traballo. Se a comunicación non ten un deseño estratéxico, non asume o rol de mediación dos medios, non é quen de adoptar diferentes visións en funcións dos recursos e soportes que se utilizan, non é quen de promover un executivo unitario e non sistematiza os fluxos de información entre goberno, partidos que o integran e cidadanía, si, pode botar por terra un excelente goberno con moita xestión detrás.

Que se pode aprender (dos seus acertos e erros) da política comunicativa do Bipartito?

O goberno de coalición PSdeG-BNG en Galicia tivo cousas boas e cousas malas, no ámbito político e tamén no comunicativo. Nun primeiro momento, a xestión da comunicación foi boa, a consecuencia dun consenso social explícito a respecto da necesidade de abrir un cambio político:  correcta identificación do escenario negociador, cunha aparición de actores realizada de xeito secuencial, xestionando os medios de forma coordenada e non existindo intervencións contraditorias, agás algunha voz interna no seo do BNG. Disto podemos aprender, de igual forma que da boa estabilidade parlamentaria e a súa coordinación no impulso lexislativo. Tamén da existencia dun programa de goberno pactado, explícito e acordado entre as partes, pero que non tivo a súa correspondencia no ámbito da comunicación, con accións programadas moi contadas, non sistematizadas e que non se explicitaron en ningún documento escrito e asinado ao máximo nivel institucional. Así, a representación da Secretaría Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, non estaría acordada, xa que sería imposta por Emilio Pérez Touriño.

"Debe existir unha corresponsabilización política máis ampla no deseño dunha única estratexia de comunicación, con dinámicas de cohesión interna que sexan algo máis que un simple papel ao inicio da lexislatura"

A estrutura das consellerías estivo marcada por un alto grao de descentralización e autonomía, que, se ben evita risco de ruptura, tamén provoca unha baixa eficacia e inconsistencia da mensaxe estratéxica. Conforme ía avanzando a lexislatura, existiron dificultades que se facían evidentes, como unha irregular distribución do poder comunicativo e a incapacidade de definir conxuntamente as áreas de nacionalistas e socialistas nunha imaxe global.

Algo que temos que aprender para non repetir é cambiar a relación que existe entre o sistema político e o sistema mediático, moi ben caracterizado polos autores Hallin e Mancini na súa obra “Sistemas mediáticos comparados”. Os socios do goberno posuían medios afíns que alimentaban por unha política de axudas e publicidade que debemos desterrar. En xeral, debe existir unha corresponsabilización política máis ampla no deseño dunha única estratexia de comunicación, con dinámicas de cohesión interna que sexan algo máis que un simple papel ao inicio da lexislatura.

"A política de comunicación do goberno de coalición foi mellorable. O PP tívoo moi fácil con dous partidos que se miraban de esguello"

Facendo un pouco de política ficción, credes que o executivo Touriño-Quintana tería mantido o goberno en 2009 cunha máis acertada política de comunicación?

Entendemos que era política de comunicación do bipartito abrir o 9 de decembro de 2008 Xornal de Galicia? Eu entendo que non, a realidade é moito máis poliédrica, pero moitos no sistema mediático entenderon o contrario. Cando entra un novo competidor no mercado sempre hai belixerencia porque queres preservar o teu espazo. Indo á pregunta, é moi arriscado facer ese exercicio de política ficción, pero inclínome a pensar que si. Pero tamén se as eleccións foran como dixo Pepe Blanco en setembro de 2008. Logo veu a crise. Os audis, a imposición do galego, o concurso eólico... Pensemos que foron poucos miles de votos. A política de comunicación do goberno de coalición foi mellorable. Mesmo xa no concepto mesmo “bipartito”, que actúa na dimensión simbólica con un elemento que compartimenta. E ante a crise económica que ía a vir, precisabamos unidade. O PP tívoo moi fácil con dous partidos que se miraban de esguello.

Que boas prácticas credes que se poden incorporar, a nivel político, social e mediático, ollando as experiencias doutros territorios, con máis “cultura de coalición”?

Para elaborar esta investigación botamos man de moitísima bibliografía, como o magnífico libro coordinado por Joan Ridao onde fala dos gobernos de Pujol, Maragall, Montilla en Cataluña; do pacto entre conservadores e liberal demócratas en Reino Unido ou as sucesivas coalicións en Euskadi. Da nosa experiencia persoal e da propia observación a través de novas de xornais, páxinas web onde figura información pública ou a través de enquisas establecemos catro principais bloques onde estipulamos 54 indicadores que podemos entender como de boas prácticas dun goberno de coalición. Un primeiro bloque de protocolo de formalización do goberno, onde se identifique o escenario negociador, se fixan os obxectivos programáticos e se establecen as bases para a estabilidade gobernamental con parcelas de poder definidas pero con responsabilidade compartida. En segundo termo, na estrutura e organización da coalición, cun plan comunicativo de goberno, figuras fixadas encargadas de transmitir a xestión, creación de órganos colexiados de carácter estratéxico, mecanismos de intermediación ou unha estrutura de comunicación acordada. Un terceiro bloque, sobre coordinación e xestión da comunicación, coa homoxeinización da comunicación das Consellerías, transversalidade, construción de relato conxunto, Secretaría Xeral de Comunicación pactada, independencia coa estrutura do sistema comunicativo ou a elaboración de mensaxes sectoriais e especializadas. Finalmente, no que se refire á comunicación do goberno propiamente dita, a elaboración de información en base a servizo público, portavoz con perfil independente ou que os máximos responsables institucionais non participen da confrontación electoral noutro tipo de comicios. Isto é, que a comunicación política-electoral estea reducida á máxima expresión.

"En certos contextos, é máis efectivo un micropatrocinio de 5 euros en Facebook que un faldón de trescentos nun xornal concreto"

O tempo político é diferente e cambiante. Os escenarios están máis fragmentados, hai máis canles de comunicación, a cidadanía é máis activa. As políticas comunicativas de partidos e institucións adaptáronse a isto suficientemente, ou aínda están en camiño?

Como en moitas outras cousas, a sociedade vai por diante das institucións e dos partidos. Sirva como exemplo unha anécdota. Tiven acceso a varios postelectorais das eleccións municipais do ano 2015, e puiden ver como, en certos tramos de idade, a principal fonte de información son as redes sociais. É máis, a proposta estrela dun partido concreto nun concello determinado, foi coñecida, recoñecida e socializada en redes sociais. E pasou o mesmo en máis concellos. Isto debe dar pé a reflexionar. O problema é que o responsable de comunicación aínda está rosmando por ter aquel breve sen foto en páxina par, abaixo, á esquerda, no xornal local para poder poñer no clipping do día seguinte. Non estou menosprezando o xornal de papel, que aínda é importante, non vai desaparecer e marca a axenda política como ningún outro; simplemente poño de relevo que en moitos casos os responsables de comunicación dos partidos aínda viven no paleolítico. En certos contextos, é máis efectivo un micropatrocinio de 5 euros en Facebook que un faldón de trescentos nun xornal concreto.

"Se existen interpretacións políticas diferentes sobre unha temática, e isto se fai de forma sistemática, teremos diferentes encadres e iso a cidadanía acábao percibindo. Debemos acordalos"

Como se pode elaborar e difundir un relato compartido entre formacións políticas distintas?

Indo á propia definición do relato, é unha sorte de coñecemento a respecto dun feito que se transmite mediante unha narración estruturada coa linguaxe, e que precisa tres partes: quen relata, que relata e a quen se dirixe esa relato. Así, para construír un relato conxunto entre forzas políticas diferentes, primeiro ten que coincidir o tema e o framing sobre o que nos falan. E isto acórdase. Se existen interpretacións políticas diferentes sobre unha temática, e isto se fai de forma sistemática, teremos diferentes encadres e iso a cidadanía acábao percibindo. Debemos acordalos. En segundo lugar, a linguaxe: ten que utilizar conceptos análogos, cunha estrutura narrativa similar e un estilo adecuado en base a un plan de comunicación pactado. En terceiro termo, que existan figuran que interseccionen entre os espazos políticos das forzas integrantes e que permitan transversalizar o propio relato: isto dálle coherencia e credibilidade por situalos fora da confrontación, coma pontes e cun perfil independente e de consenso. E finalmente, que existan influencers e prosumers que reforcen a mensaxe antes de que chega á axenda pública.

"Sempre haberá conflitos, e mesmo serán necesarios para non dar unha imaxe monolítica diante da túa base militante. A cousa é sabelos solucionar na casa"

Como se deben resolver os conflitos que necesariamente xorden nun executivo de coalición?

Con vontade política e establecendo, no inicio do goberno, un protocolo de solución de conflitos claro, explícito, que obrigue ás partes e que teña á fronte unha persoa escollida por consenso entre as forzas integrantes da coalición. Pero o mellor é prevelo: participación colexiada no deseño dunha única estratexia de comunicación, dinámicas de cohesión interna, ferramentas de coñecemento compartido, gabinetes de crise, procedemento para eliminar o ruído comunicativo e procedementos ordinarios e extraordinarios de impulso de políticas públicas. Pero como dixen, a competición é innata aos partidos políticos. Sempre haberá conflitos, e mesmo serán necesarios para non dar unha imaxe monolítica diante da túa base militante. A cousa é sabelos solucionar na casa.

 

Paulo Carlos López no Xescom 2016, celebrado en Ecuador © Xescom

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.