Villares augura que En Marea "fará historia" o 25S: "Diremos si á dignidade e non á corrupción"

Peche de campaña de En Marea, en Santiago CC-BY-SA En Marea

Na contorna do candidato de En Marea á Presidencia admítese que o propio Luís Villares é, con diferenza, o máis optimista de toda a comitiva cara á cita coas urnas. Tras un proceso de conformación de candidaturas tan acelerado como accidentado, En Marea lanzouse á campaña como un partido instrumental acabado de fundar e como unha estrutura en construción, que se viu obrigada a aprender a facer mentres facía. Con estes vimbios foi cos que se foi tecendo o cesto dunha campaña que Villares semella rematar co optimismo intacto. O resultado, asegura, vai ser "moi bo" e o Goberno que saia das urnas, un Executivo de esquerda que supoña "un paso histórico".

As dúas semanas a percorrer o país, di o candidato, serviron para que En Marea puidese "desenmascarar o PP" e mais ao seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, como "o partido do sufrimento, dos recortes e da corrupción". Neste contexto Villares lanza un chamamento a que "todo o mundo estea concienciadio en ir a votar en clave de xustiza social para acabar co tempo da miseria". En ton irónico, Villares ilustra o seu balance de campaña chanceando con que "cunha semana máis, rozaríamos a maioría absoluta". "Trinta ou trinta e cinco escanos estaría ben", bromea.

O candidato augura un "paso histórico" coa saída do PP da Xunta

Este foi o ambiente no que En Marea chegou ao seu acto de peche de campaña, celebrado na compostelá Praza das Pratarías con aire de festa. No canto de actos locais por diversos puntos do país a formación optou por apelar ás diversas mareas municipais e formacións que as apoian para inzar de simpatizantes as históricas escaleiras. Fronte a elas, un enérxico Villares coa voz evidentemente ronca por mor da campaña convidou a concorrencia a trazar unha imaxe mental no que Fisterra deixa, simbolicamente, de ser o remate para ser "o principio" dunha xeira que se abrirá dende o domingo.

En Marea finalizou a campaña cun acto na compostelá Praza de Praterías: "O domingo diremos si á dignidade e non á corrupción", di Villares

Ao son das campás da Berenguela, cuxo son integrou no seu discurso, Villares evocou as mobilizacións do Nunca Máis e o 15M e as "sumas" que, din, deron en confluír nas mareas. "Vén con nós moita xente: mariñeiros do cerco, mariscadoras, os nenso e nenas con mochilas de libros que serán gratuítos, os investigadores e investigadoras da universidade" ou "as asociacións feministas que nos ensinan o importante da igualdade e loitan contra o rinchado porco de pé que segue en Ourense" grazas ao "seu cómplice", en referencia a Feijóo.

Xunto aos alcaldes das mareas, candidatos e candidatas e un Xosé Manuel Beiras abertamente emocionado, Villares lanzou a súa derradeira mensaxe da cmapaña. "Non vos rindades, imos facer historia, diremos si á dignidade e non á corrupción. Hai marea!", exclamou.

Manifesto de apoio ao candidato

Villares conclúe tamén a campaña asegurando que nos últimos días está a percibir "a ilusión de moita xente" con "mensaxes de ánimo constantes" dende "moitos ámbitos". O cabeza de cartel de En Marea realizaba estas valoracións horas antes de que a formación lanzase o Manifesto de apoio a Luís Villares, un texto que, asinado por 90 persoas fundamentalmente do mundo da cultura, expresan o "apoio público" ao candidato.

Nomes como os de Manuel Rivas ou Alonso Montero figuran no manifesto de apoio a Villares

"Poucas veces teremos a ocasión de votar unha persoa tan achegada á cerna da nosa identidade, dos nosos sentimentos, das nosas ilusións", di o texto, no que destacan sinaturas como a do Manuel Rivas, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, a poeta Chus Pato, o actor Antonio Durán (Morris) ou a xornalista, poeta e música Xiana Arias. O texto, aberto a novas incorporacións, eloxia a traxectoria profeisonal de Villares e a súa "coherencia ética, de compromiso político real coas xentes do noso país" nun "momento decisivo". "Temos plena confianza en que, cando a cidadanía lle outorgue apoio como presidente, será tamén quen de superar outra dura oposición, a do Partido dos Poderosos", conclúen.

Vista de parte dos asistentes ao peche de campaña de En Marea CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.