0 Gardados para despois

Acusan o edil de Mocidade en Noia de adxudicar contratos a dedo á empresa do líder de Novas Xeracións

Redacción | @prazapublica

A Marea de Noia denuncia que Ramón Santos, edil de Mocidade no Concello e presidente de Novas Xeracións (NNXX) na provincia da Coruña, outorgou contratos a dedosen convocatoria aberta e por valor de 5.445 euros, para a realización dun campamento de verán á empresa Tragaluz Ocio, propiedade do secretario xeral da organización xuvenil do PP, Jose Devesa. O campamento celebrouse nos meses de xullo e agosto.

O portavoz da Marea de Noia, Manolo Seijas, sinala que “non nos parece moral que se adxudiquen contratos a dedo, cando se poden realizar por outros procedementos, pero o que temos claro é que estas adxudicacións entre colegas de executiva de Novas Xeracións e de sillón no Parlamento non é máis que unha mostra do modus operandi do Partido Popular e neste caso dunha mocidade que xa vén formándose na mesma filosofía”. Pregúntase ademais "se esta será a forma de actuar do novo Goberno galego" e adianta que nas vindeiras semanas presentará unha moción no pleno local para preguntar sobre este contrato e sobre o feito de que se encargue esta actividade, sen publicidade, a unha empresa de fóra da localidade, habendo varias compañías que en Noia emprestan este tipo de servizos. 

A empresa Tragaluz Servicios Integrales S.L. está radicada en Oleiros e é propiedade ao 95% de Jose Devesa, que dende o pasado mes de febreiro ocupa o posto de secretario xeral provincial de Novas Xeracións, na mesma executiva que preside Ramón Santos. O outro 5% correspóndelle á súa irmá, Sandra Devesa, deputada no Parlamento galego durante uns meses no final da última lexislatura e que tamén foi secretaria de organización das Novas Xeracións do PP da Coruña durante anos. A empresa foi constituída en xaneiro de 2015 e no seu obxecto social figuran "actividades de xestión e consultoría informática, telecomunicacións e ofimática, servizos de xestión e administración no campo do turismo e a restauración, e servizos educativos, de ocio e entretemento".

Ramón Santos compatibiliza o seu cargo en Noia coa Presidencia das mocidades do Partido Popular da Coruña, e durante boa parte da lexislatura que vén de rematar foi deputado no Parlamento de Galicia en substitución de María Dolores Faraldo Botana.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.