A Xunta, do Camiño de Madrid á alianza polos "intereses comúns" co goberno de Cifuentes

Herrera, Aguirre e Feijóo en 2010 promovendo o Camiño de Santiago de Madrid Dominio Público Xunta de Galicia

Galicia e Madrid son “territorios con intereses comúns”. Así o considera a Xunta, que máis de seis anos despois de promover o denominado Camiño de Santiago de Madrid quere reforzar agora a súa colaboración coa Comunidad de Madrid e a Junta de Castilla y León. Farao aínda dentro de tres meses, coa sinatura dun acordo de cooperación, a finais de xaneiro, nun encontro de Feijóo cos outros dous presidentes autonómicos, Juan Vicente Herrera e Cristina Cifuentes. Eles tres son os principais baróns territoriais do PP, un elemento compartido que parece máis evidente que os supostos “intereses comúns” das tres comunidades.

Feijóo, Cifuentes e Herrera, principais baróns do PP, reuniranse en xaneiro

Galicia e Castela e León comparten uns cantos intereses, moitos con efectos prácticos no día a día da cidadanía. Existen acordos de asistencia sanitaria mutua nas comarcas lindeiras, de mantemento de estradas autonómicas de interconexión e, desde hai seis anos, comparten unha macorrexión que veu centrar o esforzo político exterior que antes puña Galicia na orixinaria eurorrexión co Norte de Portugal e á que logo se sumou Asturias.

Pero con Madrid é máis difícil atopar puntos de conexión máis alá dos xenéricos que habería con outras moitas comunidades. Antes da reunión preparatoria do cumio de xaneiro que mantiveron en Valladolid o pasado venres os 'número 2' dos tres gobernos, o principal antecedente remóntase a 2010. Daquela Feijóo desprazárase a Madrid para promover, con Herrera e coa entón titular da Comunidad de Madrid, Esperanza Aguirre, o chamado Camiño de Santiago de Madrid. Era unha ruta “bastante descoñecida”, segundo admitía a propia Aguirre.

O AVE case rematado, a peregrinación que xa promoveron en 2010 ou unha demografía dispar son os elementos que din compartir as tres comunidades

Agora, a nota de prensa distribuída pola Xunta tras o encontro do pasado venres non amplía moito máis os intereses compartidos polas tres comunidades nas súas tres únicas frases: “Galicia, Castela e León e Madrid están a impulsar un eixe de colaboración común para mellorar a cooperación entre estas tres comunidades e con iso os servizos públicos que se lle prestan aos cidadáns. Con este obxectivo veñen de consensuar os puntos básicos dun documento que incluirá medidas de cooperación e que será asinado polos presidentes das tres comunidades na segunda quincena de xaneiro en Madrid. O impulso do AVE entre Galicia e Madrid, o problema demográfico ou o Camiño de Santiago son algúns dos asuntos contidos neste documento que supón o inicio dunha colaboración entre territorios con intereses comúns”. Desas tres cuestións, o impulso do Camiño de Santiago xa foi o protagonista do primeiro encontro de 2010 entre os tres presidentes, o AVE do noroeste xa está na súa recta final de construción e a demografía de Madrid, con mellores taxas de natalidade e mortalidade que a media estatal, nada ten que ver cos problemas máis similares de Galicia e Castela e León.

Á espera do que se poida concretar nese documento que os presidentes asinarán aínda dentro de tres meses, a nota de prensa emitida pola Junta de Castilla y León é aínda máis curta que a galega. Os tres responsables autonómicos reuníronse, di o goberno de Valladolid, “para avanzar nos convenios de colaboración e mellorar a atención aos cidadáns das tres comunidades”. Iso é todo.

Rueda, o pasado venres cos 'número 2' da Comunidad de Madrid e a Junta de Castilla y León Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.