As explicacións dos directivos das caixas, antes en Madrid que en Galicia

Feijóo, con Gayoso e Varela, na sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Conchi Paz

"Vai haber explicacións de Bankia, de Catalunya Caixa e de Novacaixagalicia; hai tres entidades que están nacionalizadas e vai haber explicacións no Parlamento, porque son públicas". O voceiro económico do PP no Congreso dos Deputados, Vicente Martínez Pujalte, expresábase deste xeito a pasada semana nunha entrevista en Televisión Española ao ser cuestionado pola posibilidade de que os directivos das entidades financeiras intervidas polo Estado desen contas nas Cortes. O seu partido, abondaba, "non veta ningunha" das comparecencias, que previsiblemente se producirán entre xuño e xullo. A tradución práctica desta declaración de intencións do noutrora polémico deputado é que pola subcomisión que controla a aplicación do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) pasarán, entre outros, os que foran presidentes de Caixa Galicia e Caixanova, Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso. Farano ademais, malia ás reticencias iniciais do PP, a porta aberta. E farano tamén mentres no Parlamento de Galicia os propios conservadores continúan a frear unha petición semellante, o que deriva en que a cidadanía galega vaia escoitar antes as explicacións dos directivos das malogradas caixas dende Madrid que dende Santiago.

Losada e Pontón cren "inaudito" e "bochornoso" que os directivos comparezan xa no Congreso e non no Parlamento Galego

No caso do lexislativo galego o veto á dación de contas vén dado en forma de reiterados rexeitamentos á constitución dunha comisión de investigación sobre a xestión nas antigas entidades, a súa fusión en Novacaixagalicia e o proceso que derivou na posta en marcha de Novagalicia Banco. O último bloqueo producíase este martes cando o PSdeG tentou, sen éxito, que a Xunta de Portavoces dese luz verde aos trámites para que esa comisión bote a andar. Para o voceiro socialista na Cámara, Abel Losada, é "inaudito" que os directivos "vaian comparecer no Congreso" mentres "os galegos e as galegas nos vemos privados desas explicacións pola posición numantina do PP". Esa resistencia, censura, prodúcese malia que os populares dixeran "que a partir de febreiro" accederían á investigación, e tamén aínda que "o presidente dixo, coa forma solemne que o caracteriza, que habería investigación si ou si". En tempos de incerteza no sector financeiro "a transparencia é fundamental para crear confianza", di.

Puy céntrase en que PSdeG e BNG non teñen unha postura común sobre o futuro de NCG Banco

Pero a negativa do PP non varía. "Ata que se recapitalice e se garanta o futuro non parece axeitado contribuír a enrarecer o clima en relación con Novagalicia Banco", di o seu voceiro no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, para quen o Congreso dos Deputados "ten todo o dereito a convocar" unha subcomisión "para facer un seguimento e un control das axudas estatais" a entidades como NCG Banco. "A nós parécenos moi ben", di, nun contexto no que, ao seu xuízo, o problema reside na "obsesión" de PSdeG e BNG por "revisar o pasado" mentres non teñen "unha postura común" sobre o futuro do banco. "Están moi interesados en remexer cuestións do pasado porque seguen sen estar de acordo en relación ao futuro", insiste, xa que, ao seu xuízo, que nacionalistas e socialistas non coincidan plenamente sobre o camiño que a entidade debe tomar "é unha nova salientable, que ten incidencia á hora de demandar comisións de investigacións que non axudarían a garantir a viabilidade de NCG Banco". "Como moito, serían neutras", asegura.

Fronte á diagnose do popular tamén dende o BNG -que non ten deputados dabondo para solicitar a comisión pero que apoia a pedida polos socialistas- se considera urxente investigar o acontecido coas caixas. "O PP está actuando con cinismo, baseando a súa negativa en argumentos falaces que non teñen nada que ver coa realidade", di Ana Pontón, quen considera "bochornoso" que "os ex directivos das caixas vaian comparecer antes no Congreso que no Parlamento de Galiza", malia ser a Xunta "quen tiña a tutela efectiva desas caixas". Os conservadores, din, "devalúan o papel deste Parlamento" para "negarlles aos galegos a posibilidade de saber a verdade", ao tempo que evitan unha saída para a entidade que, lembra, en opinión do Bloque debe ser a conversión de NCG Banco nunha entidade bancaria pública e galega.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.