0 Gardados para despois

A Xunta ve un "erro" o veto de Rajoy ao traspaso da AP-9 e a oposición esixe actuar contra o "agravio"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Un erro". O pasado setembro, a apenas cinco días das eleccións ao Parlamento, Alberto Núñez Feijóo cualificaba deste xeito o feito de que o Ministerio de Fomento, dirixido durante a última lexislatura estatal pola súa compañeira de partido Ana Pastor, cabeza de lista por Pontevedra nas eleccións xerais, impedise a transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. Unha cualificación idéntica é a que suscita na Xunta a manobra xurídica coa que o Goberno en funcións que preside Mariano Rajoy tenta impedir que esa transferencia, coa forma dunha lei apoiada pola unanimidade do Parlamento de Galicia, chegue sequera a debaterse no Congreso. Mentres, a oposición de En Marea e o BNG esíxelle firmeza contra o "agravio".

Como dende o inicio da semana, cando saíu á luz o veto impulsado dende Moncloa e Fomento, o PP está a apostar por un perfil baixo fronte ao que, no entanto, supón todo un torpedo contra o que fora unha das súas iniciativas na campaña electoral, incluída no apartado do programa conservador para o 25S dedicado ao autogoberno. No entanto, este mércores a conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez, tivo que responder ao respecto durante unha rolda de prensa en Pontevedra. Foi alí onde recuperou o cualificativo de "erro", unha "equivocación por parte do Goberno de España impedir ese debate no Congreso".

Vinte e catro horas despois de que o PP defendese, na Mesa do Congreso, manter o bloqueo sobre o paquete de dez leis vetadas polo gabinete de Rajoy, entre elas a galega, a conselleira aférrase a que a negativa non é "definitiva". E non o é porque os populares carecen de maioría no órgano reitor da Cámara Alta, o que permitiu deixar os textos en suspenso á espera de novos informes xurídicos. Eses informes "máis amplos" son os que levan a Vázquez a "esperar" que "se desbloquee esta situación". "Estamos convencidos de que xuridicamente é posible", agrega, ao tempo que asegura que o Goberno que se forme tras a nova investidura de Feijóo seguirá a "defender nos foros adecuados" a transferencia que o propio PP tenta impedir.

Un "agravio comparativo"

Fronte á chamada á espera por parte do Goberno galego en funcións, dende a banda esquerda vénse apelando á contundencia e á actuación inmediata. Así o fixo este mércores o voceiro de En Marea en materia de infraestruturas, o viceportavoz Antón Sánchez, para quen o que está a suceder é todo un "agravio comparativo". Non en van, resalta, algúns dos argumentos que agora emprega o Goberno de España en funcións para vetar o traspaso galego, como a conexión da AP-9 con Portugal, non foron impedimento para transferencia, por parte "de gobernos de PP e PSOE", de autoestradas a Catalunya e Euskadi que tamén rematan nunha conexión internacional.

Antón Sánchez (En Marea) advirte de que os argumentos do gabinete de Rajoy e mesmo os seus cálculos económicos para vetar o traspaso son "falsos"

O Goberno de Rajoy, resalta, Sánchez, emprega argumentos "falsos" e mesmo "mente" no que atinxe ao cálculo económico dun eventual rescate da concesión, que basean unicamente nos ingresos por peaxes de Audasa, sen atender os criterios que marca a normativa vixente. Alén diso, resalta, o custo que Fomento asegura estimar -uns 4.000 millóns- sería notablemente inferior ao que Fomento deu en asumir "sen reparos" nos últimos meses para "rescatar as autoestradas radiais de Madrid". "Falsidades, agravios" pero tamén "burla do PP", conclúe Sánchez, toda vez que "aproba no Parlamento propostas que despois frea en Madrid".

Pontón reitera a súa oferta de "fronte común" como parte dunha "ofensiva social e institucional" a prol do traspaso

Sánchez apela á "actuación" directa de Feijóo e tamén o fai a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que ao carón da ponte de Rande e acompañada por diversos cargos institucionais da formación soberanista reiterou a súa oferta de "fronte común" ao resto de forzas políticas para defender de xeito unitario "a reivindicación unánime do Parlamento". Esta alianza, resalta, será parte dunha "ofensiva institucional e social" do Bloque para lograr o traspaso e tombar os "argumentos falsos" nos que Moncloa sustenta este "agravio e menosprezo a Galzia".

"O Goberno de Rajoy alega que a AP-9 conecta con Portugal, cando a vía de conexión co país veciño é a A55. Primeiro obstáculo superado, é falso", resalta a nacionalista, quen ironiza tamén co "silencio" sobre un "asunto do país" do "habitualmente locuaz" Feijóo. Pontón amósase, asemade, "decepcionada" pola "posición" dos membros da Mesa do Congreso: "Como é posible que se siga enredando, solicitando información e non acepten como democrático que se debata unha lei aprobada por unanimidade no Parlamento?", pregúntase.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.