Sete alcaldías lanzan a Área Metropolitana da Coruña coa ausencia do PP e reticencias de Feijóo

Os sete alcaldes asinando a Declaración de María Pita en apoio da Área Metropolitana da Coruña Dominio Público Concello da Coruña

Igual que o 18 de novembro de 1999 os alcaldes de 14 concellos asinaron a denominada Declaración de Soutomaior coa que se iniciou o longo proceso para a creación, aínda este ano, da Área Metropolitana de Vigo, este xoves asinouse a denominada Declaración de María Pita, acordo institucional para iniciar os traballos que rematen na creación dunha Área Metropolitana da Coruña. Porén, á sinatura desa declaración de intencións acudiron só sete dos dez alcaldes convocados, os da Coruña (Marea Atlántica), Oleiros (Alternativa dos Veciños de Oleiros), Cambre (Unidos por Cambre), Sada (Sada Maioría), e os tres socialistas de Bergondo, Betanzos e Culleredo. Non participaron os rexedores de Abegondo, Carral e Arteixo, os tres do PP, malia que en reunións previas amosaran a súa disposición a impulsar a nova entidade supramunicipal.

Ferreiro, amosouse convencido de que os seus homólogos de Abegondo, Arteixo e Carral asinarán a declaración e dixo que é “difícil entender que o que o PP quixo para Vigo, o PP provincial non o queira para A Coruña”

Os alcaldes presentes este xoves atribuíron a marcha atrás dos rexedores do PP, que a xustificaron no pouco tempo co que supostamente foran convocados, a manobras políticas do presidente provincial do PP, Diego Calvo, a quen o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, chegou a cualificar de “capitán araña”. O rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, amosouse convencido de que os seus homólogos de Abegondo, Arteixo e Carral asinarán a declaración e dixo que é “difícil entender que o que o PP quixo para Vigo, o PP provincial non o queira para A Coruña”. Pola súa banda, o PP da Coruña defendeu como primeiro paso a integración da cidade nunha mancomunidade previa antes de iniciar a tramitación “consensuada” da Área Metropolitana.

Os asinantes da declaración traballarán co obxectivo de que no prazo dun ano poidan dispor dun borrador consensuado polos concellos do texto articulado que logo deberá ser negociado coa Xunta e cos grupos do Parlamento de Galicia, que será en última instancia quen aprobe a lei autonómica pola que se cree a nova entidade. Nese proceso a Deputación da Coruña xa ofreceu o seu apoio.

O presidente da Xunta insinúa que a proposta parte de Xulio Ferreiro para “tapar outros problemas que poidan existir na cidade” e pide consenso en todas as corporacións

Este mesmo xoves o presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, insinuou que a proposta de creación dunha Área Metropolitana é interesada por parte de Ferreiro para “tapar outros problemas que poidan existir na cidade”. Feijóo eludiu explicar a ausencia dos rexedores do PP -“hai que preguntarlles”, dixo- e pediu que a nova entidade naza non só co consenso dos alcaldes senón tamén da totalidade das corporacións municipais, en particular da que será a cidade capital, na que lembrou que Marea Atlántica “non ten maioría”. O seu Goberno, dixo, axudará no proceso “se hai disposición real de todos os concellos” e “consenso”.

Ao tempo que pediu eses consenso e iniciativa municipal, Feijóo tamén atribuíu ao traballo da Xunta a creación da Área Metropolitana de Vigo -é produto dunha lei aprobada no Parlamento de Galicia e da adhesión formal e unánime das corporacións municipais- e dixo que o feito de que o alcalde coruñés queira unha entidade similar supón “agradecer” ese traballo da administración autonómica. “A de Vigo ten moitísimo traballo detrás”, advertiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.