Feijóo fai que Calvo, herdeiro político de Negreira, secunde ao baltarista Santalices á fronte da Cámara

A nova Mesa do Parlamento constituída este venres © Parlamento de Galicia

Diego Calvo será o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia. Esa foi a principal novidade na conformación do órgano que rexe o funcionamento da Cámara, controlado polo PP, que desvelou o propio Feijóo minutos antes de que se iniciasen as votacións formais para constituílo, no marco do inicio da X Lexislatura. Ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que repite no cargo, acompañarano por parte do PP o antedito Calvo e Raquel Arias como secretaria primeira, mentres que a oposición estará representada por Eva Solla, de En Marea, como vicepresidenta segunda, e por Concepción Burgo, do PSdeG, como vicesecretaria.

A lucense Raquel Arias completa os postos populares nunha Mesa da Cámara na que tamén están Eva Solla, por En Marea, e Concepción Burgo, polo PSdeG

Santalices (Bande, 1955) é o deputado máis veterano no Parlamento de Galicia, no que entrou hai vinte anos. Home de confianza dos Baltar pai e fillo, era vicepresidente da Cámara ata que o pasado xaneiro acadou a Presidencia logo da marcha da súa antecesora, Pilar Rojo, ao Congreso dos Deputados.

Calvo (San Sadurniño, 1976), herdeiro político de Carlos Negreira á fronte do PP da Coruña, afástase co seu nomeamento como vicepresidente do Parlamento dos postos de xestión que ocupou ata o de agora (delegado da Xunta na Coruña e presidente da Deputación), o que diversas voces populares interpretaban este venres como un paso atrás só para coller impulso.

Raquel Arias (Sober, 1966) era ata o de agora delegada da Xunta en Lugo. A principios deste ano perdeu na loita pola presidencia provincial do PP contra a actual voceira popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, que ve así afastarse da provincia á súa contrincante.

Eva Solla (Vigo, 1984), deputada de En Marea e secretaria xeral do PCG, é, xunto con Antón Sánchez, orixinario de Anova, a única herdanza que recibe o novo grupo parlamentario da antiga AGE. Para acadar a vicepresidencia segunda recibiu os votos do PSdeG, a cambio de que En Marea votase como vicesecretaria á socialista Concepción Burgo (Lugo, 1958). Burgo, deputada desde 2005, xa ocupaba esa mesma Vicesecretaría da Mesa na anterior lexislatura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.