0 Gardados para despois

A Igrexa nomeará cargos dunha nova cátedra da USC sobre as peregrinacións financiada pola Xunta

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

A Xunta vén de asinar un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Catedral de Santiago polo que deixa en mans de responsables da Igrexa o nomeamento ou o veto de cargos académicos dunha nova e denominada Cátedra do Camiño de Santiago e as peregrinacións. A nova figura académica, que ten como primeiro obxectivo “a difusión dos valores asociados coa peregrinación e inherentes o Camiño de Santiago”, será financiada con 40.000 euros procedentes da Axencia Turismo de Galicia, mentres que a Catedral limitarase a facilitar a súa sede nun edificio da súa propiedade pero tamén remodelado hai un ano con fondos autonómicos.

O nova Cátedra do Camiños de Santiago e as peregrinacións ten como primeiro obxectivo “a difusión dos valores asociados coa peregrinación”

A creación da nova cátedra universitaria centrada no Camiño e as peregrinacións anunciouna o propio presidente Feijóo o pasado 28 de xullo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que autorizou o convenio entre as tres partes. Daquela fíxose pública a achega económica da Xunta, pero non se indicou o grao de implicación da Igrexa. O convenio asinárono o 19 de agosto a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o reitor da USC, Juan Viaño; e o deán da Catedral, Segundo Pérez, e agora vén de ser feito público na web de transparencia da Xunta. No seu texto indícase que o primeiro obxectivo da cátedra universitaria será “a difusión dos valores asociados coa peregrinación e inherentes o Camiño de Santiago”, e só nos seguintes puntos se inclúen actividades académicas, formativas, de investigación ou de arquivo.

O convenio reserva para a Igrexa, a través dos responsables da Catedral, o nomeamento ou o veto dos seus cargos directivos. Di textualmente que o director ou directora será nomeado pola USC “de común acordo coa Catedral” e a Xunta, mentres que, das dúas codireccións, unha será nomeada “pola Catedral” e a outra  pola Xunta, nos dous casos co acordo das tres partes asinantes. Igualmente, eses cargos cesarán “por decisión do responsable do seu nomeamento previo acordo das partes asinantes”. O convenio tamén di que para a dirección só pode ser nomeado un “profesor doutor ou profesora doutora a tempo completo en activo”, mentres que para as codireccións o requisito é que sexan “persoas académicas de recoñecido prestixio”. O convenio estará supervisado por unha comisión de seguimento tamén integrada por un membro de cada parte asinante e tomará as súas decisións “por consenso”.

O Goberno galego achega 40.000 euros ata finais de 2017, 10.000 só para “a organización e celebración do acto de presentación” da nova figura académica

Xunto co obxectivo de difundir os “valores” da peregrinación e a capacidade da Igrexa de nomear cargos académicos, o texto tamén detalla o financiamento da nova figura académica, que inicialmente correrá por conta da Xunta. Este ano 2016 o Goberno galego achegará 10.000 euros “que se destinarán a organización e celebración do acto de presentación da Cátedra”, mentres que en 2017 serán 30.000 euros que se destinarán ás actuacións que a USC indique a comezos de ano e que terán que ser “gastos de xestión, a remuneración do profesorado e conferenciantes, a compra de material, promoción, gastos protocolarios, mobilidade de alumnos e profesores, viaxes, aloxamento e manutención”. Xunto con eses fondos públicos autonómicos, a cátedra financiarase cos ingresos que ela mesma xere, como as matrículas das actividades académicas que organice.

Se a Xunta achega os cartos e a USC pon a xestión académica, a Igrexa limítase a facilitar a sede da nova cátedra. Situarase no Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos inaugurado hai agora un ano nas proximidades da Catedral, na rúa Carretas de Santiago, nun antigo asilo propiedade da Igrexa reformado cun millón de euros achegado polo Goberno galego.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.